A artesanía tradicional ten espazo propio no Festigal 2014

Trinta obradoiros venderán as súas creacións orixinais o Día da Patria no campus sur de Santiago de Compostela

Foto: Microcreaciones

Foto: Microcreaciones

O Festigal é lugar de encontro, de ideas, de música e de reivindicación, mais tamén ten espazo reservado para un mercado de artesanía galega, segundo avanzaron a comisión organizadora, a Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova.

Cada peza que se pon á venda no Festigal é orixinal, distinta ás demais, porque é froito da creatividade e do saber facer manufactureiro. Na galería artesanal poderanse atopar adobíos de coiro, complementos de reciclaxe, alfaias de prata, artigos de decoración, roupa para nenos e nenas, reloxos de madeira, marmeladas, agasallos e moito do que se poida imaxinar.

Así, como exemplo estará o obradoiro de “Sacando Virutas”, da comarca da Limia, que traerá reloxos que marcan o tempo con base de aneis da madeira dos bosques galegos, trísceles e miniaturas etnográficas; ou “Artesanía Armaior”, cos seus produtos para cociña e decoración en madeira de castiñeiro e de oliveira procedentes da Ribeira Sacra e das montañas do Caurel. “Caurelor, castañas do Caurel” farán as delicias das persoas amantes dos froitos silvestres e das lambonadas artesanais.

Coa orixinalidade que proporcionan os materiais reciclados convertidos en roupa e en complementos “Pase lo que pase”, “Artcoiris”, “O Sol de Inverno” e “Natalia Ramos”, entre outras tendas de moda, espertarán o interese da xente moza pola cultura galega tamén no vestir. Para crianzas, “O pano encantado”, “MicoCreaciones” e “Las Tareixas” serán os seus lugares. Ademais, “Tenda Galiza”, a tenda de agasallos galegos e artigos enxebres de troula para levar con orgullo a galeguidade por todo o mundo, terá presenza no Festigal.

Foto: Artesanía Armaior

Foto: Artesanía Armaior

Como novidade, a cerámica con identidade propia vén da man de “Fernando Porto”, cunha viaxe ao mar e ás paisaxes infinitas nos símbolos, nas cores e nas formas das súas creacións en gres e en material refractario, cunha produción que coida a calidade dos acabados e das formas, con variedade de modelos tanto de colgantes, broches, como pendentes ou pasadores do pelo.

A xoiería e bixutería adquire formas tradicionais no Festigal, con presenza de obradoiros de “Nené Son Joyas”, “Immaga”, “Bárbara Rodríguez”, “Puri Fírvida”, “Dearte K & T Sanos” e “Manuel Costas”, entre outros, para lucir durante os concertos e mesmo para levar de recordo deste evento de lecer.

“Taller Trasnos”, “José Ramón Lleó” e “Raízes y Alas” serán os obradoiros de coiro que venderán bolsos, mochilas, cintos, carteiras, máscaras e pulseiras que descobren a beleza desta materia prima nestas creacións con técnicas legadas de xeración en xeración dende tempos inmemoriais. Os obradoiros de “Lacrimae Mosa”, “Cristina Bañado”, “Alicia Iglesias Galán” e “Ramón Lleo” completan a oferta artesanal.

—-

Listaxe de todas as artesás e artesáns do Festigal 2014.

Você pode gostar...