A Galería das Letras e das Ideas trae as novidades editoriais ao Festigal 2016

Manuel Rivas e Manuel Iglesias Turnes asinarán libros neste escaparate da cultura galega

festigal2015_38

A Galería das Letras e das Ideas do Festigal 2016 chega con novidades no ámbito da literatura nacionalista, con presentacións de libros, sinatura de obras e espazo de venda, coa participación da libraría Pedreira e das editoras AGAL/Através, Sermos Galiza e Galaxia. Tamén haberá tempo para o debate coas palestras “Hai alternativa á Europa do capital” e “Refuxiad@s: a fuxida pola vida”.

O luns 25 de xullo, a partir das 16:00 horas presentarase o libro en conmemoración das “Escolas de insiño galego e outras experiencias pioneiras”, editado por ‘Semente, Escola de ensino galego’, coa participación de Olaia Ledo e Marcos Abalde.

Presentarase tamén “Por que é que a crise non rematará nunca”, de Jordi Solé & Francesc Sardà (Oil Crash Observatory), editado por Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo e coeditado por Touda, coa intervención do tradutor Manuel Saavedra.

“Nova edición de Laio e clamor pola Bretaña”, editado pola Fundación Manuel María, coa participación de Francisco Rodríguez, Saleta Goi e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María será a seguinte publicación.

O libro “Mortos por amor á Terra. A represión do nacionalismo galego 1936-1950”, de Xosé Ramón Ermida Meilán, contará coas intervencións de Xoán Costa, Francisco Rodríguez e do propio autor.

“A imagem de Portugal na Galiza”, de Carlos Quiroga, en Através Editora, terá a participación do autor e de João Ribeirete, responsábel do Centro Camões de Vigo.

Ás 20.00 h. é a quenda de “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”, premio Lazarillo de Creación Literaria 2015, de Ledicia Costas. Participará tamén na presentación Manuel Bragado, da Editorial Xerais.

A continuación será “O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro”, de Manuel Monge, editado por Laiovento. Participarán na presentación Ana Pontón, voceira nacional do BNG, e o propio autor.

“As irmandades da Fala (1916-1931) Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX”, editado por Laiovento e coordinado por Uxío Breogán Diéguez Cequiel. Participan na presentación Afonso Ribas, director de Edicións Laiovento, e Uxío Breogán Diéguez.

Ás 21:00 h. presentarase “A nenez galega a través dos anteollos de Castelao”, de Diana Vilas e Óscar Rodriguez, editado pola Deputación de Pontevedra. Intervirá Xosé Leal, responsábel de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, ademais dos autores.

Galería das Ideas

Ás 17:20 h. comeza o debate “Hai alternativa á Europa do capital?”, con Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento de Galiza e responsábel de Internacional da Executiva Nacional do BNG; Marian Beitialarrangoitia, deputada de EH-Bildu no Congreso dos Deputados; Ferrán Civit, deputado de ERC no Parlament de Catalunya; Ricardo Galhardo, membro do Executivo da Dirección de Porto do Partido Comunista de Portugal; e David Grosclaude, representante do Partit Occitan e vicepresidente da ALE.

Ás 18:20 h. é a palesta titulada “Refuxiad@s: a fuxida pola vida”, con Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa; Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo e voluntario no Pireo; María Lalin, xornalista de “Benvid@s refuxiad@s” e activista en Idomeni; e Felipe Carnotto, fotógrafo en Idomeni.

 

Consulta toda a programación na seguinte ligazón.

Você pode gostar...