Bases do concurso “Novos Valores” do Festigal 2017

O FestiGal lanza a III edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de novas creadoras e novos creadores da Galiza no ámbito musical, como unha plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes.

1. O concurso de “Novos Valores” enmárcase na promoción e divulgación do FestiGal 2017.

2. Este concurso permite ás bandas e persoas que participen a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.

3. Poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 33 anos.

4. Para participar no concurso de “Novos Valores” deberá achegarse á organización a través do enderezo electrónico info@festi.gal o seguinte:

a) É obrigatorio cubrir e enviar, no prazo sinalado nestas bases, a ficha de inscrición, na que debe constar os seguintes datos: nome do grupo ou da/o artista, datos da/o artista ou das persoas que integraren o grupo (nomes, apelidos, idade e localidade), estilo musical, enderezo electrónico e teléfono de contacto.

b) Maqueta de, cando menos, 3 temas orixinais con letra en lingua galega (enviaranse en formato mp3). Achegaranse as letras dos temas.

c) Ligazón a un vídeo (pode consistir nunha gravación do ensaio da peza co que se desexa participar no concurso), unha fotografía e unha recensión da historia do grupo/artista con ligazóns, de existiren, a redes sociais, web… Os videos subiranse á páxina do Facebook do FestiGal por orde de recepción no correo.

Prazo de presentación de traballos: do 10 de maio ao 30 de maio de 2017.

O resultado farase público o día: 2 de xuño de 2017.

RESOLUCIÓN DA BANDA/ARTISTA GAÑADOR/A
Entre os proxectos presentados decidirase a banda/artista gañador/a a través dun xuri conformado pola comisión organizadora do FestiGal.
A banda/artista gañador/a actuará no palco de concertos da vindeira edición do FestiGal, na noite do 24 de xullo de 2017, entrará na promoción en medios do evento igual ca o resto da bandas e recibirá unha dotación económica de 300 euros.
——-
FestiGal presupón que as persoas titulares dos temas da maqueta e do vídeo presentados posúen todos os dereitos sobre estes e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.
FestiGal poderá proxectar e difundir os vídeos a concurso a través da web e redes sociais e en centros e salas de carácter non comercial e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.
Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que a Comisión FestiGal estimar oportuno.
O xuri non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos polo FestiGal. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.

Xuri: Alberte Fernández, Alberte Mera, Navia Rivas, Marcos Paino, Tania Ameneiro, Iria Pinheiro, e Xiana Arias.