Milleiros de persoas asisten ao Festigal para gozar do Día da Patria con música, tendencias e ideas

Espazo infantil: O Viravai

A segunda xornada comeza ás 17:00 horas no campus sur de Santiago de Compostela

Os actos do Festigal previstos para o 25 de xullo son nunha aposta en feminino no café concerto, cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isa Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl. No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas “En Voga” e das Tanxugueiras, un grupo revelación da música tradicional galega.

O Festigal é tamén un escaparate de asociacións, eventos deportivos, postos de artesanía, espazo infantil e venda de libros con variedade de editoras e librarías galegas. Está todo preparado para gozar do Día da Patria con música, tendencias e ideas.

Na Galería das Letras e das Ideas debaterase sobre “O escenario pre e pos-referendo de Catalunya para as nacións sen estado” e presentaranse 10 publicacións de interese político nacionalista, da memoria histórica de análise o idioma, da cultura e da xeografía. Os títulos serán “Doris Benegas, unha loitadora do pobo”, “Na casa da avoa”, de Marta Dacosta; “Os tres de nunca” de Nacho Taibo; “Galegofalantes e galegocalantes” de Carlos Callón; “Os nomes do terror. Galiza, 1936. Os verdugos que nunca existiron”, coordinado por Dioniso Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida; “Repente galego, Ramón Pinheiro Almuinha”, da Deputación de Pontevedra e da asociación ORAL; “Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa)”, de Pilar García Negro; “Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925”, de Javier del Valle-Inclán Alsina; “Atlas das nações sem Estado na Europa”, de Através Editora.

No espazo de venda de libros e de editoriais galegas, terán expositor a Libraría Pedreira, AGAL/Através, Sermos Galiza, Galaxia, Central Folque, Catro Ventos Editora e Patas de Peixe.
O Festigal é lugar de encontro, de ideas, de música e de reivindicación, mais tamén ten espazo reservado para un mercado de artesanía galega e para o asociacionismo.

Na galería artesanal poderanse atopar adobíos de coiro, complementos de reciclaxe, alfaias de prata, artigos de decoración, roupa para nenos e nenas, reloxos de madeira, marmeladas e agasallos, entre outros.

Ademais, o tecido asociativo nacionalista terá espazo de seu, porque o Festigal serve de punto de encontro e de descubrimento de iniciativas que se fan en todo o país para a facer medrar a conciencia nacional dende diversos ámbitos. Ecoloxismo, feminismo, recuperación da memoria histórica, medios de comunicación, cultura, sindicalismo, ensino, anti-represión e defensa do idioma son algúns dos temas sectoriais que se poden atopar.

Você pode gostar...