O Festigal convoca a terceira edición do concurso “Novos Valores” para promocionar artistas emerxentes

O prazo de presentación de traballos está aberto até o 30 de maio

O FestiGal lanza a III edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de artistas emerxentes que fan música en galego, como unha plataforma de coñecemento e difusión para tocar neste evento multitudinario que se celebra ao abeiro do Día da Patria.

Este concurso permítelles ás bandas e persoas que se inscriban a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.

Segundo consta nas bases, poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 33 anos.

Para inscribirse no concurso de “Novos Valores” deberá achegarse á organización a través do enderezo electrónico info@festi.gal a información que figura na web www.festi.gal cunha ficha cos datos do grupo, maqueta e ligazón a un vídeo.

O prazo para a presentación de traballos conclúe o 30 de maio. O xurado está integrado por Alberte Fernández, de Galiza Nova; Alberte Mera, da comisión Festigal; Navia Rivas, música; Marcos Paino, músico; Tania Ameneiro, Fundación Galiza Sempre; Iria Pinheiro, presidenta da asociación Músicos ao Vivo; Xiana Arias, xornalista e presentadora do programa de música Onda Vital da Radio Galega e Teresa Cuíñas, xornalista cultural e redactora da TVG.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: