O Festigal despega coa potencia de Nao, Sés, Festicultores e A Quenlla

A zona de acampada será un dos alicientes para a mocidade achegarse a Santiago de Compostela e participar nas máis de 100 actividades programadas

O Festigal 2014 despegará na véspera do Día da Patria coa potencia sonora de Nao, Sés, Festicultores e A Quenlla, que se completará na tarde do 25 de xullo no campus sur con García MC, Os da Ría, Grampoder e Bouba. Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e a Comisión organizadora programan este evento consolidado entre as feiras culturais con máis afluencia de Galiza.

Ademais da galería de artesanía, onde se poderán adquirir pezas orixinais e a bo prezo; do espazo deportivo, que disputará o tradicional Aberto de Billarda do Día da Patria, a exhibición de artes marciais históricas e a “All Stars Liga Gallaecia” de fútbol gaélico; Tasmina Ahmed, do Scotish National Party, participa na Galería das Ideas; a Escola de Ensino Galego Semente exporá as súas iniciativas na Galería de Centros Sociais; presentarase “50 preguntas e 50 argumentos para a soberanía de Galiza”; Xurxo Souto traerá “Contos do mar de Irlanda”, Teresa Moure “Uma Mãe Tão Punk”; “Autores e autoras para o 25 da patria” ofrecerán un recital poético; proxectarase “A Fazaña da Liberdade” sobre a vida de Alexandre Bóveda; e haberá obradoiros, danza e teatro para as crianzas. Mais, sobre todo, o Festigal converteuse nun lugar de encontro e de referencia para celebrar a gran festa do nacionalismo galego.

A quenlla 01A Quenlla

A Quenlla, formada en 1984, é unha das formacións clásicas da nosa música, nove persoas que interpretan cancións tradicionais e de autor desde unha postura crítica e un compromiso activo e claro diante dos acontecementos que vive o noso país. Poderiamos dicir que A Quenlla non canta por cantar, senón que o fai para expresar o seu propio punto de vista, mostrar a riqueza da nosa música e cultura e manterse leal á defensa do noso idioma e da nosa Matria.

ses
Sés

Sés é talento, forza, carisma: a gran revelación da música galega nos últimos anos. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do estabelecido. “Co xenio destrozado”, o seu último disco, é un traballo feito desde o orgullo identitario, con frescura, vitalidade e actitude, temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente americano.

naoNao

Nao preséntanse a si mesmos como unha “idea transformada en son, actitude e amizade”. Unha idea, tamén, transformadora, metáfora axitadora e rebelde que medra entre escenarios e estradas. Convertidos xa nunha referencia indiscutíbel da escena hadcore galega, esta banda da Estrada presentará o seu novo traballo “Cartas no caderno”.

Festicultores Troupe

Festicultores Troupe


Festicultores

Festa, humor, música, baile. Os Festicultores Troupe son unha banda galega totalmente atípica, que non deixan indiferente ninguén. Levan máis de 350 actuacións nos seus sete anos de existencia, en que compartiron escenario con artistas como Fanfare Ciocarlia, Gogol Bordello, Manu Chao ou Ojos de Brujo e tocaron –e foron premiados– en festivais internacionais de diferentes países como Polonia, Francia, Serbia ou Portugal. Co seu sadomusiquismo,a diversión e o baile están garantidos.

García MC

García MC

García MC

García Mc (Ghamberros, Dios Ke Te Crew, Labregos do Tempo dos Sputniks…) presenta “Abaixo e De Pé”, un traballo en que amosa amor e rabia, unha mirada rebelde e zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra. Será este un concerto de ritmo e oralidade, en que camiñaremos por Ordes, o Bronx ou a Selva Lacandona, acompañado por DJ Mil, todo desde unha posición clara: abaixo e de pé.

Os da Ría Íntimos

Os da Ría Íntimos

Os da Ría

Os da Ría Íntimos nace pola necesidade do público galego de conseguir un maior contacto con estes dous grandes divos da canción. Atendendo este reclamo, Arturito Puy e Fabián Santomé decidiron percorrer bares, salas e pubs coa maior parte do seu repertorio, adaptada neste caso á música dos teclados de Suso Pián. Eles tres son, pois, Os da Ría Íntimos… tres artistazos cos que o público non só gozará de boa música e divertidas letras senón tamén do contacto próximo directo cos ‘admirados’ artistas.

Grampoder

Grampoder


Grampoder

Grampoder son Le Roi e Martin Wu, antigos compoñentes de bandas como The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Fan rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico, hardcore comeflores. O seu set cabe nun Seat Ibiza e din que tanto poden tocar no Carnegie Hall como no hall dun piso de protección oficial. De feito, na súa curta traxectoria xa tiveron ocasión de actuar en bares, restaurantes, chiringuitos, museos de arte contemporánea, tendas de discos, galpóns e salas de estar. Porque o concepto é ese: facer boas cancións, con melodía, enerxía e compromiso, e poder adaptalas a calquera escenario. Presentarán “Golf Whiskey”.

Bouba PandereteirasBouba

Bouba son cinco mozas pandereteiras que centran os seus esforzos en recoller a música tradicional do país para logo poder mostrar polo mundo adiante o poderío dos nosos vellos e das nosas vellas coa forza da nosa música. Coma din elas, festa? a nosa!!!

Consulta a programación do Concerto do 24 e do Café Concerto do 25 de xullo.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: