O Festigal, finalista nos Premios Martín Códax da Música

Recoñécese a súa contribución a proxectar novos talentos e a difundir artistas de calidade recoñecida, nun formato que conxuga música, lecer, letras e ideas

Concerto. 24 de xullo

Concerto. 24 de xullo

O Festigal opta a ser galardoado nos Premios Martín Códax da Música, ao ser finalista no concurso que se fallará no mes de decembro. O Festigal foi seleccionado para esta distinción pola súa consolidación como un dos eventos do calendario musical do verán en Galiza e polo seu ton reivindicativo e rebelde, que contribuíu a proxectar novos talentos e a difundir artistas de calidade recoñecida, nun formato que conxuga música, lecer, letras e ideas.

A programación do Festigal esténdese durante 48 horas en Santiago de Compostela, arredor do Día da Patria, e combina as actuacións musicais con actividades literarias, debates, exposicións e proxeccións audiovisuais. Leva máis de 10 anos cunha aposta pola cultura galega, polas propostas artísticas e musicais feitas en Galiza, nun marco de traballo consolidado e sostíbel e con ansia por continuar a ser un escaparate de referencia para a proxección e o intercambio cultural de calidade, como acreditan os milleiros de persoas que atrae en cada edición.

Polo seu escenario pasaron Berrogüetto, Susana Seivane, A Cada Canto, Sés, Deus ke te Crew, Nao, Lamatumbá, Loretta Martin, Os Cuchufellos, Festicultores e artistas internacionais como Pablo Milanés, Deolinda, Kepa Junkera, Gaiteiros de Lisboa ou La Phaze, entre outros.

Os Premios Martín Códax, organizados pola Asociación de Músicos ao Vivo, escolleron nesta primeira rolda tres finalistas de cada categoría que se anunciaron hoxe no transcurso dunha cea oficial nas bodegas Martín Códax e a gala de entrega de premios para escoller o proxecto gañador será o 17 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Estes premios naceron para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas; para revelar novos talentos e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: