O “Festigal” varre todos os tópicos e expresa a alegría de sermos

Un texto de Suso de Toro:

Suso de ToroO “Festigal” desminte tópicos abondos que hai sobre nós, tópicos que mesmo acepta moita xente no noso país, un monte de tópicos que se resumen nunha imaxe de tristura. O “Festigal” mostra xustamente o contrario, unha xente alegre e libre, a alegría é o mellor desmentido das derrotas.

Nesta eira na que xente de toda idade recebe o alento da mocidade campa a liberdade e aquí, neste espazo libre, construímos achegándonos uns aos outros un país mozo. O país que transmite o alento dun pobo na historia, o país que nace dun reino europeo e dunha nación soñada pola xente máis moderna da súa época, como Faraldo, Rosalía ou Murguía. A mesma nación que da man de Plácido Castro se presenta na Sociedade de Nacións, a que gaña o seu autogoberno na República e a que, perseguida e clandestina, atravesa o século e chega aquí, a esta eira rebuldeira.

Malia que nos neguen os medios de comunicación oficiais e sicarios este país é un territorio humano fecundo, cada vila, cada bairro, cada aldea, cada cidade ten asociacións de todo tipo. Temos asociacións culturais a eito, grupos de gaitas, de folk, de rock, cantantes, cineastas, xente que escribe todo e calquera cousa, xente que pensa este mundo noso novo, xente que se divirte, que quere traballo. Un país vivo e que esixe liberdade e esperanza.

Este país do “Festigal” chámase Galiza, unha nación que non ten límites. Límite ningún que nos poñan, un país vivo que quere a súa soberanía para ser e para estar no mundo. Que queiran, que non.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: