O grupo “De Ninghures” é o gañador do concurso “Novos Valores” do Festigal 2019

De Ninghures

O xurado valorou a súa calidade artística, a recuperación da música tradicional e orixinalidade.

O Festigal 2019 abrirá a noite do 24 de xullo no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela coa actuación do grupo folk “De Ninghures” tras proclamarse vencedor do V concurso “Novos valores”. Un concurso que pretende darlle a oportunidade de tocar neste evento anual diante de milleiros de persoas a bandas emerxentes que fan música na nosa lingua.

De Ninghures defínense como unha agrupación de música tradicional conformado por xente nova comprometida coa música, baile e lingua galega. Son mozas e mozas de Bergantiños, A Fonsagrada e Compostela, e foi nesta cidade onde precisamente se coñeceron. Beben da música tradicional con ritmos de maneos, xotas e muiñeiras que elas e eles mesmos van arranxando.
O ano pasado levaron o 2º Premio de Cantos de Taberna de Melide e a pesares do seu curto percorrido xa tocaron con músicos tan destacados do panorama musical galego como Xabier Díaz en Asturias e Euskadi.

As persoas que integran “De Ninghures” son Marta Álvarez, Eva Bolón, Ana Fariña, Manuel Fernández, Hadrián García, Alberto Liñares, Manuel Lucas, Adrián Méndez, Tomé Mouriño e Aldara Palmeiro.

O xurado estivo integrado polas artistas Iria Pinheiro, Marcos Payno, Navia Rivas e Lano Costoia. Catuxa Irago, rexente da Sala de concertos Malatesta de Compostela, o grupo SON DA RÚA, Claudia Quintela como membro de Galiza Nova e por parte da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño. Así valorou a súa calidade artística, a recuperación da música tradicional e a orixinalidade.

O Festigal está en constante crecemento, o último ano chegou a cifras récord de asistencia e mesmo recibiu a distinción como mellor festival galego nos “Premios Martín Códax da Música Galega no 2015 e no 2018 o Premio a “Boas Prácticas”, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña.
Nesta ocasión, o certame Novos Valores recibiu numerosas propostas con letras en galego, o que amosa a proliferación de artistas que buscan impulso para a súa proxección na Galiza.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: