O grupo “Esposa” é o gañador do concurso “Novos Valores” do Festigal 2016

O xurado valorou a súa calidade artística, frescura, orixinalidade, posta en escena e estética musical sorprendentes


O Festigal 2016 abrirá a noite do 24 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela coa actuación do grupo pop “Esposa”, tras proclamarse vencedor da segunda edición do concurso “Novo Valores” que pretende brindarlle a oportunidade de tocar neste evento multitudinario a bandas emerxentes que fan música en galego.

“Esposa” defínese como un grupo de pop rítmico e rápido. Quitan cousas para non ter a tentación de usalas: as súas cancións teñen poucos acordes e poucas partes, a súa formación non ten baixo, a súa batería non ten bombo.

As persoas que integran “Esposa” son María Fernández Villamarín, de Xinzo de Limia; Xacobe González Castro, de Ourense; Cibrán Tenreiro Uzal, de Oleiros; e Mar Catarina Serantes Rubianes, de Vilagarcía de Arousa.

O xurado estivo integrado polos artistas Marcos Payno, Xosé Luis Rivas “Mini”, Xurxo Souto, Habelas Hainas e por parte de Galiza Nova, Alberte Mera, e da Fundación Galiza Sempre, Tania Ameneiro. Así, valoraron a calidade artística, frescura, orixinalidade, posta en escena e estética musical sorprendentes do grupo gañador.

O Festigal está en constante crecemento, os dous últimos anos chegou a cifras récord de asistencia e mesmo recibiu a distinción como mellor festival galego nos “Premios Martín Códax da Música Galega 2015”.

Nesta ocasión, o certame Novos Valores recibiu numerosas propostas cunha gran diversidade de estilos musicais con letras en galego, o que amosa a proliferación de artistas que buscan impulso para a súa proxección na Galiza. As súas maquetas foron difundidas a través das redes sociais do Festigal nas últimas semanas, cunha alta interacción por parte das persoas visitantes, de xeito que se contribuíu a difundir novos grupos que buscan abrir paso nos escenarios da música en galego.

Você pode gostar...