Obradoiros e contacontos amenizarán a zona infantil do Festigal 2014

Poderán ver os espectáculos “O galo Quirico”, da compañía Seis Dedos, e “A música as árbores”, de Anxo Moure

espazo-infantilNenas e nenos contan con espazo de seu para xogar e aprender no Festigal 2014. Despois do xantar do Día da Patria terán oportunidade de participar en obradoiros de música, danza, teatro e maquillaxe, ademais de contacontos, títeres e xogos tradicionais galegos para o seu entretemento.

Entre as actividades relacionadas co folclore tradicional, destacan os obradoiros de construción de xoguetes sonoros e instrumentos vexetais, guiados por Pablo Carpinteiro coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos.

O tempo para mover o esqueleto ao ritmo da música será a partir das 17:30 horas, co obradoiro de bailes, cancións tradicionais e de xogos bailados, tamén coa Asociación de Gaiteiros Galegos, desta vez da man de Olga Kirk.

Haberá tamén obradoiros de globoflexia e de maquillaxe, coa Asociación Lusco-Fusco de Lugo, onde farán as formas máis divertidas e imaxinativas que ademais contribuirán a fomentar a creatividade das crianzas.

Para quen prefira contacontos, dende as 16:30 horas poderán escoitar “O neno e a estrela”, coa colaboración do colectivo Fabaloba; e o espectáculo “A música das árbores” presentado polo Cabalo con botas, con Anxo Moure, ás 17:00 horas. A arte de contar historias, concibida como un elemento da tradición oral de cada pobo que se transmite de xeración en xeración para compartir unha mensaxe, será un dos atractivos para os máis pequenos e pequenas neste Festigal 2014, ao tempo que exercitan a narración oral, aprenden a escoitar e a interpretar unha explicación máxica para resolver a trama de cada conto.

Para as nenas e os nenos máis teatreiros, ás 18:30 a compañía Seis Dedos exhibirá o espectáculo “O galo Quirico”; e as crianzas máis buligueiras teñen unha cita coa compañía de danza Cisma que presentará ás 19:30 “Entre nanas e cascallos”.

Trátase, pois, dun amplo programa de lecer e de aprendizaxe para cativos e cativas, que terán na sesión de tarde da celebración do Día da Patria no campus sur de Santiago de Compostela un espazo para o seu entretemento.

—-

Consulta a programación do Espazo Infantil.

Você pode gostar...