Sés, Nao e Festicultores tocarán no Festigal 2014

Santiago de Compostela acollerá unha nova edición desta feira cultural de referencia que serve de lugar de encontro na celebración do Día da Patria

 

Unha edición máis do Festigal encherá de creatividade cultural e artística o campus sur de Compostela o 24 e 25 de xullo, arredor da programación do Día da Patria, cun cento de actividades destinadas á mocidade combativa, festeira e que quere a Galiza.

A comisión organizadora do Festigal, integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, avanzou que repetirán cartel Sés, Nao, Festicultores e A Quenlla para o día 24 de xullo e no café concerto actuarán o 25 de xullo Habelas Hainas, Os da Ría, García MC e Grampoder, entre outros, de acordo co compromiso adquirido o pasado ano.

Tamén haberá espazo para deportes, librarías, obradoiros infantís, tendas de artesanía, exposicións, debates, danza e xogos tradicionais. Isto converte o Festigal nunha das feiras culturais de referencia en Galiza e, sobre todo, nun lugar de encontro para milleiros de persoas que cada ano se congregan en Santiago de Compostela para celebraren o Día da Patria.

Nas vindeiras semanas presentaranse máis novidades desta edición do Festigal e os detalles da programación dun dos eventos xa consolidados no calendario de festivais do país que serve tamén de escaparate ao activismo político e sociocultural a favor da soberanía e do dereito dos pobos a decidir o seu futuro.

Você pode gostar...