Títeres Alakran, Oviravai, Gramola Gominola e a Asociación de Gaiteiros Galegos animarán o espazo infantil do Festigal 2016

Centos de nenos e nenas poderán gozar o Día da Patria do espectáculo de títeres sobre “Os soños na gaiola”, de Manuel María

Espazo infantil

Espazo infantil

O Festigal 2016 terá un espazo infantil con obradoiros, actuacións, música e diversión que servirán de escaparate de actividades culturais e creativas destinadas ás crianzas feitas en Galiza. Conta co patrocinio das Galletas Mariñeiras Da Veiga.

As actividades comezan o 25 de xullo ás 16:00 horas cos obradoiros impartidos pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Títeres Alakran presenta ás 17:15 horas “Os soños na gaiola”, unha obra de monicreques para público infantil e familiar que supón unha homenaxe do dramaturgo e director Roi Vidal a Manuel María, no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Ás 18:15 chega Oviravai, con Verónica Santalices, Laura Iglesias, Federico Wlicki e David Álvarez. Fan de todo, tocan, ilustran e crean música. A iso se dedican, nalgúns casos dende hai décadas e polo mundo adiante. “As andanzas de Paio” é o seu primeiro traballo na colección Sonárbore de Galaxia.

A música e o humor chegan ás 19:15 da man da Gramola Gominola, un grupo de música infantil composto músicos de bandas como Mamá Cabra, De Vacas, Festicultores Troupe e Di Elas. Nos seus espectáculos fan unha didáctica viaxe pola historia da música onde o público pode coñecer diferentes estilos que van dende o blues ao reggae, pasando polo pop, country, rock ou ska. Contan cunha posta en escena chea de enerxía, cor e momentos cómicos que fai bailar a cativos e a maiores.

Você pode gostar...