Voar sen saír de nós

Fran P. Lorenzo

Fran P. Lorenzo

Un artigo de @FranPLorenzo:

Non é fácil ser quen somos, por moito que existir semelle o máis sinxelo dos cometidos. Alguén dirá: “Tan difícil non é, ho! Abonda con respirar e saber onde pisas…”. E leva razón. Mesmo así, todas e todos temos dereito ao cansazo, á preguiza, ou a desistir de nós mesmas. “Quen me dera desaparecer, ou ser outra..!”. Ás nacións tamén lles acontece iso: a tentación de voar fóra delas, de se diluír no que fose ou aínda esquecer, por un instante, a perpetua obriga de respirar. A Galiza ocórrelle seguido. E por veces vaga o país enteiro, negado e maltratado, na deriva hamletiana do seu ser ou non ser.

Vén un experto ou un antropólogo, bota un ollo e di: “este país quere suicidarse”. Vén unha economista ou unha forense e sentencia: “non, suicidio non é, este país é vítima dun crime perfecto, aquí teño os datos e as evidencias…”. Vén logo un psicólogo e aclara: “falta de autoestima, traballaremos niso, aínda que apenas respire xa…”. E logo chegamos nós, galegas e galegos, sabendo ou sen saber, a termar do noso anaco de Terra, da lingua de noso, medio estupefactos, cada un polo seu lado e preguntándonos quen é ese “nós” e ese “noso” folclorizante que decote nos representa e nos reduce.

Parecería que non estamos para festas, porque turrar dunha vella nación que, entre dúbidas e agresións, teima en sobrevivir, dá bastante choio. Todo o tempo doen a alma e os cadrís. Mais é xustamente no campo da festa, no Festigal hoxe, onde se esconxuran as negras sombras e onde a loita por existir, por sermos, se desprende do seu sentido tráxico e transcendental, grazas á revolta soberana do baile, do son e do idioma que nos une. E entón chéganse outros doutores, de Exeter e Tokio, e confirman o que galegas e galegos intuiamos. Que a música non é, ao mellor, unha linguaxe universal pero si posibilita a comunicación sen linguaxe. E eses sabios señores publican nunha prestixiosa revista, Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS), a conclusión científica da nosa experiencia festigaleira. Que non hai maior “pegamento social” que a música e que en todas as culturas, tamén na galega, a música compartida “posibilita a coordinación en situacións sociais e favorece a unión do grupo”. O Festigal é, máis ca nunca nesta edición de 2015, a constatación desa tese construtiva e ilusionante: un laboratorio do futuro en común, a negación de quen nos nega como nación e a proba de que aquí, levados pola música, seremos quen de todo, mesmo de voar sen saír de nós. Así que avante Festigal e avante Galiza!

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: