A banda de rock Ulex resulta gañadora do IX concurso Novos Valores do Festigal 2025

O grupo compostelán actuará o 24 de xullo no escenario do Festigal após conseguir o apoio do público no concerto final do concurso

A banda de rock Ulex  é a gañadora da IX edición dos Novos Valores. O grupo compostelán conseguiu o apoio do público no concerto final do concurso, decorrido este sábado na sala Sónar, e terá como recompensa actuar no escenario principal do Festigal este 24 de xullo.

Ulex obtivo o voto maioritario entre as persoas asistentes ao concerto, principal novidade desta edición do concurso, nunha final emocionante e disputada final na que compartiu oportunidade xunto a outros dous artistas de enorme talento como Pappaquino e Kid Mount.

Formada por Xian Castro (voz principal e guitarra rítmica), Martinho Quintela (batería e voz principal), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Mónica Fuentes (baixo), Ulex será desta maneira unha das bandas que completará o cartel de concertos do Festigal 2025.

Nacida en 2022 do amor pola música de catro adolescentes, Ulex  fai “rock atolondrado con aires de cumbia”, como a propia banda se define, e este ano veñen de publicar o seu primeiro disco ‘Lonxe de ti’ con cancións e letras que falan sobre a vida, o amor e a amizade.

Dende a comisión organizadora quixeron destacar novamente a elevada calidade musical dos traballos e a variedade de estilos, tanto das 15 bandas presentadas á primeira fase do concurso como das finalistas, demostrando o futuro da música en galego e a súa potencia en directo.

Ulex, Pappaquino e Kid Mount ao remate do concerto final

O concurso Novos Valores é unha iniciativa promovida pola Fundación Galiza Sempre e a organización xuvenil Galiza Nova, organizadoras do Festigal, para visibilizar o talento das bandas e artistas emerxentes que crean música en galego.

Tamén che pode interesar...