A Galería das Ideas do Festigal servirá para coñecer experiencias de traballo para impulsar o nacionalismo

Nesta edición haberá 30 de postos de asociacións e 50 de mercado que se poden visitar o 25 de xullo á tarde no campus sur de Santiago de Compostela

A Galería das Ideas do Festigal 2019 é un espazo para o debate de temas de actualidade política con persoas que ofrecen a visión da súa experiencia desde distintos ámbitos e lugares sobre o nacionalismo. Será a partir das 18:00 do 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.

Nesta edición comezará ás 18:00 co debate “Eixos para a construción nacional”, coordinado por Vía Galega, a Plataforma en defensa dos dereitos nacionais de Galiza. Participarán representantes do sindicalismo como Paulo Carril; do feminismo, Ximena González; do ecoloxismo, Virxinia Rodríguez; e dos centros sociais, Beatriz Peres.

Ás 19:30 será a palestra “Os mitos da colonización en Europa: o caso galego, vasco e catalán”, unha actividade de debate no marco dos encontros internacionais ‘Os mitos da colonización en Europa e o caso dos mitos da españolidade en Galiza’, en colaboración coa Coppieters Foundation. Interveñen Ana Miranda, eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego; Pernando Barrena, eurodeputado de EH Bildu; e Eduard López, vicesecretario xeral de acción política de Esquerra Republicana de Catalunya.

Ademais, haberá 30 de postos de asociacións, que dan boa conta da actividade dos movementos en defensa do idioma, das liberdades sociais, culturais, ecoloxistas, internacionalistas, feministas, estudantís, educativas e deportivas, entre outras.

Isto complétase cos 50 postos do mercado onde se pode adquirir artesanía, téxtil, produtos gastronómicos e arte en pequeno formato, entre outros produtos galegos.

O Festigal consolídase así como unha das principais feiras culturais do país con concertos, debates, deportes, gastronomía, postos de asociacións e tendas de artesanía, ademais de contribuír a dar a coñecer as novas tendencias creativas.

Tamén che pode interesar...