A galería das letras e das ideas traerá representantes de Bildu e ERC para debater sobre o referendo de Catalunya
Librarías e editoriais galegas presentarán as súas últimas publicacións
A Galería das Letras e das Ideas do FestiGal debaterá sobre “O escenario pre e pos-referendo de Catalunya para as nacións sen estado” e presentará 10 publicacións de interese político nacionalista, da memoria histórica de análise o idioma, da cultura e da xeografía.
O programa comeza ás 16:00 horas coa presentación do libro “Doris Benegas, unha loitadora do pobo”, coordinado por Pablo Arroyo, da editorial Último Cero. Participan Fernando Valiño (coautor do libro e representante do Diario dixital Último Cero), Luis Ocampo (compañeiro de Doris e voceiro de Izquierda Castellana), María Xosé Queizán Vilas (escritora galega e colaboradora do libro) e Guillerme Vázquez, ex-portavoz nacional do BNG.
“Na casa da avoa”, de Marta Dacosta, da editorial Galaxia, que vai pola segunda edición, contará coas intervencións da autora e de María Xosé Cacabelos, presidenta da Asociación de Mariscadoras de Guimatur.
A seguir, Taibo e Callón manterán unha conversa sobre os seus últimos libros. “Os tres de nunca” de Nacho Taibo, e “Galegocalantes e galegofalantes” de Carlos Callón, ambos de Edicións Xerais.
Ás 17:00 horas será a quenda da publicación “Os nomes do terror. Galiza, 1936. Os verdugos que nunca existiron”, coordinado por Dioniso Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida, da editora Sermos Galiza, e contará tamén con Xoán Costa.
“Repente galego, Ramón Pinheiro Almuinha”, da Deputación de Pontevedra e da asociación ORAL, contará coa participación de Xosé Leal, Eva Vilaverde, Carlos Alonso e Ramón Pinheiro, autor do libro. Coa actuación das regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.
Ás 18:30 será a palestra “O escenario pre e pos-referendo de Catalunya para as nacións sen estado” que presentará Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas e membro da Executiva Nacional do BNG, coas intervemción de Marian Beitialarrangoitia Lizarralde, portavoz de EH Bildu no Congreso dos Deputados; Xavier Castellana, senador de ERC; e Rubén Cela, membro da Executiva Nacional do BNG.
O proxecto colectivo “Os soños na gaiola” promovido polo Concello de Rianxo, Escola de Música de Rianxo, o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados e a Fundación Manuel María presentarase ás 19:40 horas. Está editado pola Casa-Museo Manuel María e participarán Saleta Goy, presidenta da Fundación Manuel María; Irene Amado, coordenadora do proxecto; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
María do Pilar García Negro e Francisco Jorquera presentarán “Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa)”, coeditado pola Fundación Galiza Sempre e Federación Galiza Cultura.
Ás 20:20 horas será a quenda para falar do libro “Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925”, de Javier del Valle-Inclán Alsina. Participan o autor e mais José Ángel Maquieira, profesor-titor da UNED.
“Atlas das nações sem Estado na Europa”, de Através Editora, pechará o programa coa participación de Valentim Fagim e Abraham Bande, adaptador e tradutor do orixinal.
No espazo de venda de libros e de editoriais galegas, terán expositor a Libraría Pedreira, AGAL/Através, Sermos Galiza, Galaxia, Central Folque, Catro Ventos Editora e Patas de Peixe.
1 comentario
[…] Dionisio Pereira é un dos coordinadores de Os nomes do terror que se presentará o vindeiro 25 de xullo dentro das actividades organizadas arredor do Festigal. […]