Aberto o prazo do concurso “Novos Valores” para actuar no Festigal 2018

“É unha aposta polo talento do país e pola mocidade que canta en galego”, afirma Alberte Fernández, de Galiza Nova

A comisión do Festigal presentou a IV edición do concurso “Novos Valores” destinado á promoción de artistas emerxentes que fan música en galego para tocaren neste evento multitudinario que se celebra ao abeiro do Día da Patria en Santiago de Compostela.

“O Festigal aposta pola creación e divulgación de novas creadoras da Galiza no ámbito musical como unha plataforma de artistas emerxentes, porque constitúe dende a súa esencia e orixe, hai xa 15 anos, un espazo diverso e plural que funciona como escaparate da cultura galega”, sinalou Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre.

“Nesta cuarta edición do concurso Novos Valores do Festigal 2018 facemos un chamado a bandas e intérpretes para que presenten propostas de calquera estilo musical que canten en galego”, destacou Alberte Fernández, “porque dende Galiza Nova apostamos polo talento do país e pola mocidade, tanto para que teña un festival ao que ir como para que teña un concurso de novos proxectos”.

Deste xeito, o Festigal contribúe a apoiar a difusión da música en galego que non atopa canles axeitados pola falta de políticas da Xunta encamiñadas á normalización lingüística entre a mocidade.

A banda ou artista escollida polo xurado abrirá o 24 de xullo pola noite o Festigal 2018 ademais de recibir unha achega económica de 300 euros. O certame está aberto á participación de grupos amadores e profesionais, de todos os estilos, que empreguen a lingua galega nas súas letras. O prazo de presentación de traballos é do 11 de abril ao 9 de maio, por medio dunha maqueta e dun vídeo dunha gravación dun ensaio, que o Festigal se encargará de divulgar nas redes sociais.

O xurado está integrado por Alberte Fernández, de Galiza Nova; Claudia Quintela, de Galiza Nova, Navia Rivas, música; Marcos Paino, músico; Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre; Iria Pinheiro, actriz e música; Xiana Arias, xornalista cultural; Teresa Cuíñas, crítica cultural; e Lano Costoya, músico e baixista de Familia Caamagno.

Para inscribirse no concurso “Novos Valores” deberá achegarse á organización a través do enderezo electrónico novosvalores@festi.gal a información que figura na web cunha ficha cos datos do grupo, maqueta e ligazón a un vídeo.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: