Aberto o prazo para presentar maquetas no concurso “Novos Valores” do Festigal 2020
O grupo gañador será o encargado de abrir a noite do 24 de xullo os concertos
Este concurso funciona como unha plataforma para dar a coñecer grupos emerxentes que, moitas veces, non teñen espazo onde actuar
O concurso Novos Valores chega á súa sexta edición con grande interese por parte de bandas que inician andaina e queren tocar no Festigal. Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre, e Paulo Ríos “Kai”, secretario xeral de Galiza Nova, presentaron as bases deste certame que se poden consultar na web Festi.gal e co prazo aberto para enviar maquetas con letras en galego até o 17 de abril de 2020.
A Comisión organizadora do Festigal aposta un ano máis por este concurso “que é vital para difundir e apoiar novas creadoras do país”, segundo explicou Lucía Veciño en rolda de prensa. “Este concurso funciona como unha plataforma para dar a coñecer grupos emerxentes que, moitas veces, non teñen espazo onde actuar”, dixo. O grupo gañador será o encargado de abrir a noite do 24 de xullo os concertos do Festigal.
Destacou tamén tanto “a variedade como a cantidade” de maquetas recibidas todos os anos, que van en aumento, e por este certame pasaron grupos de diferentes estilos que están consolidados na actualidade no panorama musical galego, como o caso de Esposa, The Lelly’s Kellys, Son da Rúa, Maianas ou The Ninghures.
Pola súa parte, Paulo Ríos “Kai” afirmou que o Festigal constitúe unha oportunidade para a xente nova que empeza na música e que está esquecida por parte da Xunta cando organiza macrofestivais e convoca subvencións. “O prazo de inscrición está aberto do 4 de marzo ao 17 de abril e deberán achegar os datos da banda xunto con tres temas en mp3, as letras das cancións e un vídeo, sexa directo ou videoclip”, explicou. Finalmente, o 30 de abril o xurado escollerá o grupo gañador dos Novos Valores que será o encargado de abrir o Festigal deste 2020.
O xurado está integrado por Iria Pinheiro, actriz, música e escritora; Marcos Paino, músico e técnico de son; Navia Rivas, música; Catuxa Irago, da sala Malatesta; De Ninghures, grupo gañador da pasada edición; e por parte de Galiza Nova, Alberte García e Paulo Ríos “Kai”; e pola Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño.