Arrhythmia: “O público do Festigal é a grande familia galega reunida de celebración”

Arrhythmia son a voz e a guitarra de Alberto Busto, a batería de Álvaro L. Barreiro e o baixo de Alexandre Maciñeiras, un trío de Lugo de rock en galego que botou a andar en 2011. Desta vez, tocará tamén Miguel Duarte. “Temos a sensación de ser molestos pola temática das nosas cancións, máis este tamén é o noso papel, non nacemos para radiofórmulas nin letras cómodas”, explican nesta entrevista.

Que presentaredes no Festigal?
Faremos unha mestura da nosa discografía e probablemente poidamos mostrar un petisco do novo disco que estamos preparando cara este verán. Como en todos os directos buscaremos dar un plus de enerxía e contaremos por primeira vez con Miguel Duarte ás guitarras do directo.

Que significa para vós tocar neste evento?
É unha data moi marcada para nós no calendario, é a segunda vez que actuamos no Festigal e sabemos a enerxía que se respira nunha noite máxica coma o 24 de xullo. Sabemos que o público do Festigal non ten nada que ver co resto, é a grande familia galega reunida de celebración. É unha honra e unha felicidade ter o papel de poñer o broche final da noite.

Que queredes transmitirlle ao público cando estades no escenario?
Pretendemos que as nosas cancións sexan unha canalización da raiba que se sente ás veces cando es só unha pequena peza dunha engranaxe enorme e non tes marxe de manobra nin de decisión. O directo non é máis que exponenciar ese sentimento en vivo coa xente que nos segue e cando se consegue esa conexión é cando realmente comprendes por que es músico.

Como valorades o actual panorama musical galego?
Gostaríamos dunha maior presenza femenina, tanto enriba dos escenarios coma na parte técnica e organizativa. É evidente que temos bandas dunha grande calidade no país pero pensamos que faltan dous chanzos para acadar a profesionalización necesaria para que un músico poida adicarse á música e competir en igualdade con outras bandas do resto do Estado. As bandas de aquí, polo xeral, estamos a medirnos nos mesmos escenarios con bandas de fóra que veñen cun enorme equipo humano e técnico detrás e que poden adicar a súa vida á súa profesión de músico. O habitual en Galiza vén sendo que os músicos teñamos a música como segundo traballo e isto é un atranco moi importante, pensamos que entre todas as partes que conforman o entramado musical deberiamos facilitar unhas condicións de xogo en que como mínimo os galegos e galegas sexamos iguais ao resto, polo menos para quen veñan detrás.

Que mudariades na política cultural para apoiar a creación e difusión artística en galego?
Máis que mudar, habería que crear unha política cultural. Pola parte que coñecemos que é a musical xamais tivemos a sensación de que ninguén dende a Xunta estivese a facer nada para facilitar as cousas. Cando se crea un macrofestival millonario non se conta con bandas que cantan en galego que despois por si mesmas enchen as mellores salas ou festivais. Temos a sensación de ser molestos pola temática das nosas cancións, máis este tamén é o noso papel, non nacemos para radiofórmulas nin letras cómodas e supoñemos que mentres tanto non haberá axudas.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: