Artistas lanzan un manifesto de apoio ao Festigal para rexeitar a censura e a represión contra o activismo cultural


“Ao SUP e á Subdelegación do Goberno español dicímoslles que o Festigal vaise celebrar, non nos van calar”, afirma Lucía López Sobrado

“O Festigal está sinalado porque apoia o rapeiro Valtonyc”, explica Jasper (Nao)

A comisión do Festigal, integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, e unha representación de artistas presentaron un Manifesto pola Liberdade Artística e de Expresión para rexeitar a censura e a represión contra o activismo cultural, social, político e sindical froito da involución de dereitos democráticos que están a padecer Galiza e o Estado español. Máis de 30 artistas conforman o grupo promotor deste manifesto que se pode asinar na nosa web para facer do Festigal a Festa da Liberdade de Expresión”.

Na rolda de prensa, Lucía López Sobrado, sinalou que o Festigal vai manter Valtonyc no cartaz e, se está libre, actuará como está previsto o 24 de xullo no Festigal”. “Ao sindicato policial SUP, que saíu publicamente atacar o Festigal por este motivo, e á Subdelegación do Goberno español dicímoslles que o Festigal se vai celebrar, non nos van calar e vannos ter enfronte sempre na defensa da democracia, da liberdade, da dignidade e da Galiza”.

“Consideramos que o Estado español, botando man da Lei Mordaza, aplica a censura a todo tipo de manifestacións que son incómodas para o sistema”, engadiu.

Pola súa parte, Jasper, vocalista e guitarra de Nao, en representación das artistas afirmou amosar “a preocupación dos compañeiros do gremio pola falta de liberdade, polos ataques continuos que hai por parte do Goberno central á liberdade de expresión, á liberdade de creación con todos estes xuízos que non rematan de ser xuízos políticos e que abranguen desde secuestros a libros, feche de exposicións en que aparecen fotos de presos políticos cataláns, como censura de cancións como sinalar co dedo determinadas bandas e grupos como se facía na Alemaña nazi cos xudeus e como se fai neste caso en Compostela co Festigal, sinalado porque apoia o rapeiro Valtonyc e denuncia coa súa contratación esta falta de liberdade e estes encarcelamentos políticos que estamos a sufrir por parte do Estado”.

“Caza de bruxas”

“Queremos deixar claro o noso compromiso coa liberdade de expresión e de creación, así como mostrar o rexeitamento a esta caza de bruxas e á represión que están a sufrir as compañeiras do mundo da cultura e, loxicamente, mostrar o apoio ao Festigal, un referente en Galiza que sempre fixo bandeira da defensa da liberdade e da diversidade dende unha ollada galega nunca subordinada en todas as súas expresións artísticas e de creación”, sinalou Jasper.

—–

Manifesto: O Festigal, festa da liberdade.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: