Bases Concurso Novos Valores 2025

O Festigal lanza a IX Edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de novas creadoras e creadores da Galiza no campo musical, como plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes.

A música en galego goza dun momento excepcional no que están xurdindo constantemente novas bandas e artistas de distintos estilos para os que hai un público amplamente receptor. O Festigal quere ser escaparate de todas elas, e xa o ten demostrado ao longo destas case 10 edicións dándolle espazo a artistas como Hugo Gz, De Ninghures ou Filloas, artistas e grupos xa consolidados.

Como festival militante e vocación difusora para a nación, a comisión organizadora do Festigal asume o compromiso un ano máis de ofrecer o apoio que as institucións, en particular o goberno galego, e os medios de comunicación públicos non aportan.

  1. O concurso de “Novos Valores” enmárcase na promoción e divulgación do Festigal 2025.
  2. Este concurso permite ás bandas e persoas que participen a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.

  3. Poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 35.

  4. Para participar no concurso de “Novos Valores” deberán achegarse á organización a través do enderezo electrónico novosvalores@festi.gal o seguinte:

    1. É obrigatorio enviar, no prazo sinalado nestas bases, unha ficha de inscrición, na que debe constar os seguintes dados: nome do grupo ou da/o artista, dados da/o artista ou das persoas que integraren o grupo (nomes e apelidos, idade, localidade), estilo musical, enderezo electrónico e teléfono de contacto.

    2. Maqueta de, cando menos, 3 temas orixinais con letra en lingua galega (enviaranse en formato mp3). Achegaranse as letras dos temas. Non se aceptará ningunha maqueta que non presente unha boa calidade.
    3. Ligazón a un vídeo (pode consistir nunha gravación do ensaio da peza con que se desexa participar no concurso), unha fotografía, unha recensión da historia do grupo/artista e ligazóns (no caso de dispoñer delas) a redes sociais, páxina en Spotify ou web. Non se aceptará ningún vídeo que non presente unha boa calidade.

Prazo de presentación de traballos: do 21 de marzo ao 20 de abril (ámbolos dous incuídos)


RESOLUCIÓN DA BANDA/ARTISTA GAÑADOR/A

De todos os proxectos presentados, o xurado elixirá 3 bandas finalistas entre as que estará a banda gañadora. O anuncio das 3 bandas finalistas farase público o sábado 26 de abril.

Entre entre os 3 proxectos finalistas decidirase a banda/artista gañador/a a través de votación popular nun concerto que se celebrará o sábado 10 de maio na Sala Sónar de Santiago de Compostela.

A banda/artista gañador/a actuará no palco de concertos da vindeira edición do Festigal, na noite do 24 de xullo de 2025, entrará na promoción en medios do festival ao igual que o resto da bandas e recibirá unha dotación económica de 500 euros con gastos de aloxamento, manutención e desprazamentos cubertos por parte da organización .


O Festigal presupón que as persoas titulares dos temas da maqueta e do vídeo presentados posúen todos os dereitos sobre estes, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.

O Festigal poderá proxectar e difundir os vídeos a concurso a través da web e redes sociais e en centros e salas de carácter non comercial, e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.

Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que a Comisión Festigal estimar oportuno.

O Xuri non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos polo Festigal. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.

XURI:

  • Alexandre Bastero, de Galiza Nova
  • Marta Gómez, de Galiza Nova
  • Lucía Veciño, Fundación Galiza Sempre
  • Andrea Villa, comunicadora
  • Sara Seco, comunicadora
  • Alberto Busto, guitarra e voz de Arrhythmia

  • Anxo Sánchez, músico e baixista da Gramola Gominola e dos Festicultores Troupe

  • Hadrián García, membro da banda De Ninghures