O Festigal celebra a súa X Edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de novas creadoras e novos creadores da Galiza no campo musical, como plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes.
A música en galego goza dun momento excepcional no que están xurdindo constantemente novas bandas e artistas de distintos estilos para os que hai un público amplamente receptor. O Festigal quere ser escaparate de todas elas, e xa o ten demostrado ao longo destas 10 edicións funcionando como escaparate de artistas e bandas emerxentes no seu día como De Ninghures, Filloas ou Ulex.
Como festival militante e vocación difusora para a nación, a comisión organizadora do Festigal asume o compromiso un ano máis de ofrecer o apoio que as institucións, en particular o Goberno galego, e os medios de comunicación públicos non ofrecen.
BASES
1. O concurso de “Novos Valores” enmárcase na promoción e divulgación do Festigal 2026.
2. Este concurso permite ás bandas e persoas que participen a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.
3. Poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 35 anos.
4. Para participar no concurso de “Novos Valores” deberán achegarse á organización a través do enderezo electrónico novosvalores@festi.gal o seguinte:
- É obrigatorio enviar, no prazo sinalado nestas bases, unha ficha de inscrición, na que debe constar os seguintes dados: nome do grupo ou da/o artista, dados da/o artista ou das persoas que integraren o grupo (nomes e apelidos, idade, localidade), estilo musical, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
- Maqueta de, cando menos, 3 temas orixinais con letra en lingua galega (enviaranse en formato mp3). Achegaranse as letras dos temas. Non se aceptará ningunha maqueta que non presente unha boa calidade.
- Ligazón a un vídeo (pode consistir nunha gravación do ensaio da peza con que se desexa participar no concurso), unha fotografía, unha recensión da historia do grupo/artista e ligazóns (no caso de dispoñer delas) a redes sociais, páxina en Spotify ou web. Non se aceptará ningún vídeo que non presente unha boa calidade.
Prazo de presentación de traballos: do 23 de febreiro ao 23 de marzo (ámbolos dous incluídos)
O resultado das tres bandas ou artistas finalistas escollidas polo xurado farase público o mércores 8 de abril.
RESOLUCIÓN DA BANDA/ARTISTA GAÑADOR/A
Entre os proxectos presentados decidirase a banda/artista gañador/a a través de votación popular nun concerto que se celebrará o venres 24 de abril na Sala Sónar, en Santiago de Compostela.
A banda/artista gañador/a actuará no escenario de concertos da vindeira edición do Festigal, na noite do 24 de xullo de 2026, entrará na promoción en medios do festival ao igual que o resto da bandas e recibirá unha dotación económica de 500 euros con gastos de aloxamento, manutención e desprazamentos cubertos por parte da organización .
——————————————————————————————————————————————–
O Festigal presupón que as persoas titulares dos temas da maqueta e do vídeo presentados posúen todos os dereitos sobre estes, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.
O Festigal poderá proxectar e difundir os vídeos a concurso a través da web e redes sociais e en centros e salas de carácter non comercial, e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.
Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que a Comisión Festigal estimar oportuno.
O Xuri non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos polo Festigal. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.
XURI
Alexandre Bastero, de Galiza Nova
Artai Gavilanes, de Galiza Nova
Lucía Veciño, Fundación Galiza Sempre
Claudia Quintela, dj
Alberto Busto, guitarra e voz de Arrhythmia
Anxo Sánchez, músico
Hadrián García, membro da banda De Ninghures



