O Festigal lanza a II Edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de novas creadoras e novos creadores da Galiza no campo musical, como unha plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes, en momentos en que a Xunta de Galiza trata con absoluto desleixo a creación musical no noso País, recortando proxectos e orzamentos públicos para a promoción de novos valores e recortando en locais de ensaio, mentres financian con miles de euros grandes e enriquecidos artistas de fóra da Galiza.
- O concurso de “Novos Valores” enmárcase na promoción e divulgación do FestiGal 2016.
- Este concurso permite ás bandas e persoas que participen a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.
- Poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 33 anos.
- Para participar no concurso de “Novos Valores” deberán achegarse á organización a través do enderezo electrónico info@festi.gal
a) É obrigatorio cubrir e enviar, no prazo sinalado nestas bases, a ficha de inscrición, na que debe constar os seguintes datos: nome do grupo ou da/o artista, datos da/o artista ou das persoas que integraren o grupo (nomes e apelido, idade, localidade), estilo musical, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
b) Maqueta de, cando menos, 3 temas orixinais con letra en lingua galega (enviaranse en formato mp3). Achegaranse as letras dos temas.
c) Ligazón a un vídeo (consistente nunha gravación do ensaio da peza con que se desexa participar no concurso), unha fotografía e unha recensión da historia do grupo/artista. ligazóns, de existiren, a redes sociais, web,… Os videos subiranse ao facebook do festigal por orde de recepción no correo.
Prazo de presentación de traballos: do 11 de abril ao 23 de maio de 2016.
O resultado farase público o día 30 de maio de 2016.
RESOLUCIÓN DA BANDA/ARTISTA GAÑADOR/A
Entre os proxectos presentados decidirase a banda/artista gañador/a a través dun xuri conformado pola comisión organizadora do FestiGal.
A banda/artista gañador/a actuará no palco de concertos da vindeira edición do Festigal, na noite do 24 de xullo de 2016, entrará na promoción en medios do festival igual ca o resto da bandas e recibirá unha dotación económica de 300 euros.
——-
FestiGal presupón que as persoas titulares dos temas da maqueta e do vídeo presentados posúen todos os dereitos sobre estes, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.
FestiGal poderá proxectar e difundir os vídeos a concurso a través da web e redes sociais e en centros e salas de carácter non comercial, e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.
Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que a Comisión FestiGal estimar oportuno.
O Xuri non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos polo FestiGal. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.