Bases do concurso “Novos valores 2022”

O Festigal lanza a VI Edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de novas creadoras e novos creadores da Galiza no campo musical, como unha plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes nun momento que consideramos crítico para a produción musical do país. A finais do pasado ano coñecíase o proxecto socio-educativo “O son da Música”, que fixo público o resultado dun estudo elaborado entre o estudantado de 10 a 18 anos en Galiza no que o 80% afirmaban non escoitar nunca ou case nunca música en galego. Ante esta realidade a Xunta de Galiza continúa coa súa política de desleixo cara as creadoras e creadores do país nun momento marcado polas constantes obrigas de cancelación de espectáculos a causa da situación epidemiolóxica.

  1. O concurso de “Novos Valores” enmárcase na promoción e divulgación do Festigal 2022.
  2. Este concurso permite ás bandas e persoas que participen a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.
  3. Poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 33 anos.
  4. Para participar no concurso de “Novos Valores” deberán achegarse á organización a través do enderezo electrónico novosvalores@festi.gal.
    • a. É obrigatorio cubrir e enviar, no prazo sinalado nestas bases, a ficha de inscrición, na que debe constar os seguintes datos: nome do grupo ou da/o artista, datos da/o artista ou das persoas que integraren o grupo (nomes e apelido, idade, localidade), estilo musical, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
    • b. Maqueta de, cando menos, 3 temas orixinais con letra en lingua galega (enviaranse en formato mp3). Achegaranse as letras dos temas.
    • c. Ligazón a un vídeo (pode consistir nunha gravación do ensaio da peza con que se desexa participar no concurso), unha fotografía e unha recensión da historia do grupo/artista, ligazóns, de existiren, a redes sociais, web,… Os vídeos subiranse ao facebook do Festigal por orde de recepción no correo.

Prazo de presentación de traballos: do 16 de febreiro ao 3 de abril de 2022

O resultado farase público o día 11 de abril de 2022.

RESOLUCIÓN DA BANDA/ARTISTA GAÑADOR/A

Entre os proxectos presentados decidirase a banda/artista gañador/a a través dun xuri conformado pola comisión organizadora do Festigal.

A banda/artista gañador/a actuará no palco de concertos da vindeira edición do Festigal, na noite do 24 de xullo de 2022, entrará na promoción en medios do festival ao igual que o resto da bandas e recibirá unha dotación económica de 300 euros.
—————-
Festigal presupón que as persoas titulares dos temas da maqueta e do vídeo presentados posúen todos os dereitos sobre estes, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.

Festigal poderá proxectar e difundir os vídeos a concurso a través da web e redes sociais e en centros e salas de carácter non comercial, e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.

Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que a Comisión Festigal estimar oportuno.

O Xuri non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos polo Festigal. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.

XURI:

O xurado está integrado por:

  • Alberte G. Nicolás, de Galiza Nova;
  • Marta Gómez, de Galiza Nova,
  • Banda gañadora dos Novos Valores na edición anterior (De Ningures)
  • Marcos Paino, músico
  • Lucía Veciño, Fundación Galiza Sempre;
  • Neves Rodríguez, actriz
  • Alberto Busto de Arrhythmia
  • Anxo Xermar, músico e baixista da Gramola Gominola e dos Festicultores Troupe
  • Catuxa Irago, rexente da sala de concertos Malatesta

 

A %d blogueros les gusta esto: