Bases do concurso “Novos Valores 2023”

O Festigal lanza a VII Edición do concurso “Novos Valores” para a promoción e a divulgación de novas creadoras e novos creadores da Galiza no campo musical, como plataforma de coñecemento e difusión de artistas emerxentes. A música en galego goza dun momento excepcional no que están xurdindo constantemente novas bandas e artistas de distintos estilos para os que hai un público amplamente receptor. Mais esta realidade contrasta coa falta de apoio institucional por parte do Goberno galego e dos propios medios de comunicación públicos nos que a música do país ten unha presenza ínfima.

  1. O concurso de “Novos Valores” enmárcase na promoción e divulgación do Festigal 2023.
  2. Este concurso permite ás bandas e persoas que participen a presentación dos seus traballos e, consecuentemente, a divulgación e promoción de novos valores da música galega e en galego máis actual.
  3. Poden participar persoas e grupos amadores ou profesionais. Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non será superior aos 33 anos.
  4. Para participar no concurso de “Novos Valores” deberán achegarse á organización a través do enderezo electrónico novosvalores@festi.gal
    1. É obrigatorio cubrir e enviar, no prazo sinalado nestas bases, a ficha de inscrición, na que debe constar os seguintes datos: nome do grupo ou da/o artista, datos da/o artista ou das persoas que integraren o grupo (nomes e apelido, idade, localidade), estilo musical, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
    2. Maqueta de, cando menos, 3 temas orixinais con letra en lingua galega (enviaranse en formato mp3). Achegaranse as letras dos temas.
    3. Ligazón a un vídeo (pode consistir nunha gravación do ensaio da peza con que se desexa participar no concurso), unha fotografía, unha recensión da historia do grupo/artista e ligazóns (no caso de tdispoñer delas) a redes sociais e web. Os vídeos subiranse ás redes do Festigal por orde de recepción unha vez que remate o prazo de presentación de traballos.

Prazo de presentación de traballos: do 3 de marzo ao 17 de abril de 2023.

O resultado farase público o día 27 de abril de 2023.

RESOLUCIÓN DA BANDA/ARTISTA GAÑADOR/A

Entre os proxectos presentados decidirase a banda/artista gañador/a a través dun xuri conformado pola comisión organizadora do Festigal.

A banda/artista gañador/a actuará no palco de concertos da vindeira edición do Festigal, na noite do 24 de xullo de 2023, entrará na promoción en medios do festival ao igual que o resto da bandas e recibirá unha dotación económica de 300 euros con gastos de aloxamento, manutención e desprazamentos cubertos por parte da organización .

—————-

Festigal presupón que as persoas titulares dos temas da maqueta e do vídeo presentados posúen todos os dereitos sobre estes, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.

Festigal poderá proxectar e difundir os vídeos a concurso a través da web e redes sociais e en centros e salas de carácter non comercial, e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.

Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que a Comisión Festigal estimar oportuno.

O Xuri non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos polo Festigal. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.

XURI:

  • Alberte G. Nicolás, de Galiza Nova
  • Marta Gómez, de Galiza Nova
  • Lucía Veciño, Fundación Galiza Sempre
  • Andrea Villa, comunicadora
  • Alberto Busto, guitarra e voz de Arrhythmia
  • Anxo Xermar, músico e baixista da Gramola Gominola e dos Festicultores Troupe
  • Xavier Castro, voz de Raiba

 

A %d blogueros les gusta esto: