Comeza o Festigal 2019 con Banda Bassotti, Brassica Rapa, Arryhthmia e de Ninghures

Concerto. 24 de xullo

Este evento, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, celébrase o 24 e 25 de xullo en Santiago de Compostela

O Festigal 2019 ten todo preparado para as actuación de Banda Bassotti, que tocará no campus sur de Santiago de Compostela xunto con Brassica Rapa, Arryhthmia e De Ninghures na véspera do Día da Patria.

Para o 25 de xullo estarán Güintervan, DudeCan e Pandereteiras de Verducido, xunto con cen actividades de debate, deporte, acampada, presentacións de libros, mercado de artesanía e espazo de xantar. Todo unido no ambiente de festa e de orgullo de país, nesta gran feira cultural con entrada de balde co compromiso polos dereitos sociais e nacionais de Galiza.

Banda Bassotti

De Italia vén Banda Bassotti, que leva desde 1981 nos escenarios e son referencia na música contestataria polas súas letras de carácter antifascista, de solidariedade internacionalista e dos dereitos dos pobos. En 1989 o grupo dá vida a unha banda de rock que comeza a tocar nos espazos ocupados e en manifestacións do país. O espírito da banda segue o do seu primeiro disco Figli della stessa Rabbia (Fillos da mesma raiba). Nestes anos Banda Bassotti comeza a darse a coñecer no Estado español, onde organiza unha xira co grupo vasco Negu Gorriak e nace a idea de presentárense no Salvador a favor do FMLN para apoiar o proceso de paz despois de 11 anos de guerra civil. Despois duns anos sen tocar, Banda Bassotti retorna aos escenarios en marzo de 2001, sempre na defensa do dereito pola autodeterminación dos pobos, e actualmente conta con 11 cd’s editados. Con certeza é a banda independente máis coñecida de Italia e consolidada como a que realizou máis actuacións en Europa e cunha gran presenza en Xapón, Ecuador, Cuba, O Salvador, México ou Venezuela.

Brassica Rapa

Brassica Rapa ofrece un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal coa multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos do pop á música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Buscan sobre todo influencias das “brass band” neoiorquinas, pero tamén das “big bands” ou das charangas tradicionais. As compoñentes veñen de distintos percorridos dentro do mundo da música e de agrupacións coma Liska!, Banda Xangai, Timparrantela ou Biribirlocke.

Arryhthmia

Arryhthmia son a voz e a guitarra de Alberto Busto, a batería de Álvaro L. Barreiro e o baixo de Alexandre Maciñeiras, un trío de Lugo de rock en galego que botou a andar en 2011. A formación ten longa experiencia en escenarios despois de compartir festivais e concertos con artistas como Rosendo, Ñú, Fernando Saunders, Santi Campillo ou Saratoga.

De Ninghures

De Ninghures defínense como unha agrupación de música tradicional conformada por xente nova comprometida coa música, baile e lingua galega. Comezaron en 2018 co obxectivo de participar en foliadas e gozar da música. O grupo está conformado por xente de Bergantiños, A Fonsagrada e Compostela, e foi nesta cidade onde precisamente se coñeceron. Beben da música tradicional con ritmos de maneos, xotas e muiñeiras que elas e eles mesmos arranxan. En 2018 levaron o 2º Premio de Cantos de Taberna de Melide e a pesar do seu curto percorrido xa tocaron con artistas tan destacados do panorama musical galego como Xabier Díaz en Asturias e en Euskadi. Son os gañadores da V edición do Concurso Novos Valores que organiza a comisión Festigal.

Tamén che pode interesar...