E a banda gañadora do certame Novos Valores Festigal 2018 é… The Lelli Kelly’s
O xuri valorou as reminiscencias no rock dos anos 50, 60 e 70, a orixinalidade das letras e a súa posta en escena divertida
The Lelli Kelly’s é a banda gañadora da IV edición do concurso “Novos Valores” que abrirá os concertos do Festigal 2018 na véspera do Día da Patria. O xuri deste certame, destinado á promoción de artistas emerxentes que fan música en galego, valorou as reminiscencias no rock dos anos 50, 60 e 70, a orixinalidade das letras e a posta en escena divertida cuns acordes que convidan a non parar de bailar.
Nesta edición, que contou cunha alta participación, concorreron bandas de estilos moi variados, dende propostas que beben máis da raíz da música tradicional galega até outras máis rockeiras como é o caso do grupo finalmente gañador. Deste xeito, o Festigal contribúe a apoiar a difusión da música en galego que non atopa canles axeitados pola falta de políticas da Xunta encamiñadas á normalización lingüística entre a mocidade.
O xurado nesta edición estivo integrado por Alberte Fernández, de Galiza Nova; Claudia Quintela, de Galiza Nova, Navia Rivas, música; Marcos Paino, músico; Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre; Iria Pinheiro, actriz e música; Xiana Arias, xornalista cultural; Teresa Cuíñas, crítica cultural; e Lano Costoya, músico e baixista de Familia Caamagno. The Lelli Kelly’s son Antonio Cascante García, Alberto Rodríguez Graña e Carlos De Pazos Meira.
Biografía de The Lelli Kelly’s
En abril de 2016, Serpiente Pilsen, Miguelito Piteiro, Tonho Nogueira Vecinho de Moanha e Pollete Ensía, montan The Lelli Kelly’s e comezan a tocar por Galiza adiante ignorantes dos paralelismos entre a súa traxectoria e a típica telenovela latinoamericana.
Festas, festivais e locais do país encheron o seu historial de amor e desamor, paixón e tristura, frenesí e desfalecementos. Todo documentado nun concerto na Bolera (Moaña).
En outubro de 2017, despois de máis concertos dos que poden recordar, Serpiente abandona a banda por problemas de saúde e, The Lelli Kelly’s, empeza unha nova xira con algúns temas propios, unha furgoneta bonitísima e a intención de vingar o seu irmán caído no último capítulo da primeira tempada.
Son o que queda das rapaciñas dos anuncios da tv e aínda poden decepcionar moito máis os pais. Rock’n’roll every day!