Espazo de xantar 2025

O Festigal ofrece un espazo gastronómico ao estilo romaría na Carballeira de San Lourenzo, que se converte o 24 e 25 de xullo nun espazo de convivio, reencontros e afectos para gozar do Día da Patria Galega tamén arredor da comida. Estan son as alternativas na edición 2025:

  • Catering Ferrolterra: con opción de polbo e churrasco e unha oferta gastronómica variada para todo tipo de preferencias e con produtos de proximidade.
  • Polbeira Emilia Valeira: polbeira tradicional da parroquia de Arcos, no Carballiño. Unha empresa familiar que xa vai pola súa 5ª xeración percorrendo as feiras e festas do país.
  • Fartura food truck: un restaurante itinerante que achega novas opcións culinarias a lugares onde, de xeito puntual, se reunen grandes concentracións de persoas. Destacan o pan, a carne, o queixo ou as tortillas. Traballan con provedores galegos e locais con primeiras calidades.
  • MiscoMidas food truck: une o concepto de viaxeiro da food truck coa cociña creativa de calidade. Cociña internacional fusionada co producto galego para ofrecer unha variedade adaptada a persoas celíacas, veganas ou vexetarianas.
  • Pizzas do País: unha pizzería ambulante que nace a finais de 2021 coa iniciativa de empregar produtos locais para facer unha pizza de calidade. Os ingredientes son escollidos con agarimo: fariña galega moída en pedra tradicional, hortalizas e herbas aromáticas da casa… Co seu forno de leña percorren feiras, festas e mercados de toda Galiza.
  • Taberna A Estreleira: desde Rianxo chega este proxecto itinerante e colaborativo, no cal conflúen un bo produto, música e compromiso de país. Especializados en hamburguesas artesanais, ofrecen unha carta sinxela e respectuosa con todos os padais: de vacún galego até versións veganas e sen glute, sempre con ingredientes frescos e locais.
  • Vacaloura: esta asociación sen ánimo de lucro para a protección animal ofrecerá un posto con empanadas, bocatas, postres, e moitas máis cousas para quen queira celebrar a festa cun menú 100% vegano. Todo o recadado irá para Santuario Vacaloura, un refuxio galego con máis de 200 animais.