Finalistas Novos Valores 2025: Pappaquino, ULEX e Kid Mount

Pappaquino, ULEX e Kid Mount


Pappaquino, ULEX e Kid Mount son as tres bandas finalistas elixidas polo xurado da IX edición do concurso Novos Valores. O público decidirá por votación popular nun concerto, que terá lugar o 10 de maio na Sala Sónar de Compostela, a banda ou artista gañador e que actuará neste Festigal 2025.

Dende o xurado do concurso puxeron en valor a alta calidade musical dos traballos e a variedade de estilos das 15 bandas que se presentaron nesta edición, evidenciando o momento de efervescencia que vive a música galega e en galego.

Pappaquino

Pappaquino é un artista de 26 anos de Verín que fai música electrónica. Con temas como ‘Carrouchos’, ‘Namoreime de ti’ e ‘Onde tas’ logrou unha praza no concerto final dos Novos Valores. Dende o xuri resaltaron as súas letras e ritmos alegres e animados cun estilo de música moi actual.

ULEX

ULEX nace en Compostela no 2022 do amor pola música de catro adolescentes, que este ano veñen de publicar o seu primeiro disco ‘Lonxe de ti’. O seu “rock atolondrado con aires de cumbia”, como a propia banda o define, chamou a atención do xurado polo seu alto nivel musical e o seu estilo particular. Con cancións que falan sobre a vida, o amor e a amizade.


Kid Mount

Kid Mount (“o neno do monte” ou “o pico e o tres (<3)”) é un artista de 20 anos de Xinzo de Lima que fai música urbana, con influencias moi variadas que van da electrónica ao rap, o trap ou o funk. O xuri destacou a imaxe moi coidada da súa proposta e seu alto nivel sonoro.

O público decidirá a banda gañadora

O concerto para decidir o grupo ou artista gañador terá lugar o 10 de maio na Sala Sónar de Santiago de Compostela, e será mediante votación do público como se decida o gañador do Concurso Novos Valores 2025. Unha novidade desta edición motivada pola potencia da escena musical en directo na Galiza. A banda gañadora abrirá os concertos do 24 de xullo do Festigal 2025.

Tamén che pode interesar...