Fuego Lolita, banda gañadora dos Novos Valores do Festigal 2026

A banda de pop-punk Fuego Lolita resultou gañadora da X edición do concurso Novos Valores do Festigal. O grupo picheleiro actuará no escenario do Festigal tras conseguir o apoio maioritario do público no concerto final decorrido este venres na sala Sónar de Compostela.

O grupo nacido en 2024 -formado por Daniel Balsa, Antonio Bouxo, Adrián Caride, Lara López Suárez e José Manuel Sánchez- abrirá os concertos do 24 de xullo no Festigal 2026

Coa súa música fresca de estilo rockeiro que canta os problemas e a situación da mocidade, e temas de estilo irreverente e letras coñeras puxeron o público asistente a bailar e berrar.

Dende a comisión organizadora destacan o gran nivel do concerto final no que tamén participaron Alta Mar e CAROLA, após ser elixidas como finalistas polo xurado, e de todas as bandas participantes nesta edición do concurso, que confirma o gran presente e futuro da música en galego.

O concurso Novos Valores é unha iniciativa promovida pola Fundación Galiza Sempre e a organización xuvenil Galiza Nova, organizadoras do Festigal, para visibilizar o talento das bandas e artistas emerxentes que crean música en galego.

Tamén che pode interesar...