Jorge Rey e Carmen Domech, de Cachirulo: “Tería que haber un centro dedicado ao teatro de figuras en Galiza”
Cachirulo é unha compañía de teatro de bonecos que percorreu festivais e teatros de Europa e América con amplo recoñecemento. Jorge Rey e Carmen Domech dan vida aos monicreques representando desde obras clásicas até textos propios que levan décadas conquistando ao público e que actualmente poden verse todas as fins de semana na Fundación SGAE de Compostela. Este será o primeiro ano que participan no Festigal.
En que consiste o espectáculo que facedes no Festigal?
Imos facer “A cabeza do dragón”. Está baseada no texto de Valle-Inclán do 1909 e é unha historia de aventuras moi divertida e cun contexto social interesante para a rapazada. É un texto moi participativo e imos facela nun teatro móbil, o “Cachimóbil”, que estreamos o ano pasado para poder facer funcións ao aire libre.
Que significa para vós participar neste evento?
É unha alegría, pois é a primeira vez que imos participar cun espectáculo no Festigal. Consideramos que é unha data moi significativa para a identidade nacional de Galiza e que sexa un festival social e familiar é un contexto ideal para a celebración.
Cres que se valoran os monicreques?
O teatro de bonecos en Galiza ten unha longa tradición e tivo un rexurdir importante desde os anos 80, coa Asociación de Titiriteiros Galegos. E sempre o teatro estivo moi comprometido coa lingua, ademais. Pode que para algúns estea considerado como unha arte menor, pero o certo é que é unha arte moi viva en Galiza. Existen moitas compañías e participamos en moitos festivais internacionais.
No verán están os festivais e as rúas, pero faltan teatros no país?
Falta xestionar os teatros que hai. Hai teatros pero están baleiros, sen programación. Non hai unha decisión política cultural máis que “facer como que se fai”. Hai que encher de contidos os espazos que hai. O teatro de bonecos ten a particularidade de que se os rapaces e rapazas empezan dende novos a xogar con bonecos potencian moitísimo a súa creatividade e imaxinación. É un teatro moi irreverente e sarcástico, e incómodo politicamente.
Un soño para o futuro do teatro de bonecos?
Un centro polivalente de formación, investigación e de conservación na Galiza. Hai moito material e figuras que se non se lle dá un soporte acabará perdido. É importante ter a memoria viva das cousas. Houbo xente que fixo teatro de bonecos como Maruxa Mallo, cuxa obra está esquecida e debera poñerse en valor. Tería que haber un centro dedicado ao teatro de figuras en Galiza.