Leria gañan o concurso ‘Novos Valores’ 2023

A banda de indie pop coruñesa formada por Mayra, Helena, Andrea e Itziar será a encargada de abrir o Festigal o 24 de xullo

O xurado valorou as “letras coidadas e creativas e as melodías apegadizas” deste grupo de mulleres que destaca pola súa xuventude

O xurado do VII concurso Novos Valores 2023 escolleu como banda gañadora ao grupo de indie pop coruñés, Leria. As súas integrantes, Mayra, Helena, Andrea e Itziar, serán as encargadas de abrir o Festigal o 24 de xullo.
As “letras coidadas e creativas e as melodías apegadizas” foron os principais argumentos do xurado para a elección deste grupo de mulleres mozas que, malia levar pouco tempo nos escenarios, demostra unha gran complicidade. “É unha banda con potencial e con proxección á que se lle augura un futuro de suceso no panorama pop da música galega”, valora o xuri.

Leria xordeu en 2021 da man de Mayra, vocalista e guitarrista, e Helena, batería e corista. Deron os seus primeiros pasos nas rúas da Coruña e, pouco tempo despois, se uniron á banda Itzi como baixista e Andrea como teclista. Dende o nacemento, actuaron xa en numerosas salas coruñesas, entre elas a Mardi Gras.

Forza creativa no país
O xurado do concurso Novos Valores destacou a alta calidade e diversidade das propostas presentadas a esta VII edición, que contou con 13 bandas participantes chegadas de tódolos puntos de Galiza e con estilos moi diveros. “Unha mostra da forza creativa das artistas que fan música en galego sen complexos”, aseguran dende o xuri, que este ano estivo composto polos músicos Alberto Busto, Anxo de Xermar e Xavier Castro; por Andrea Villa do ámbito da comunicación e da industria audiovisual; por Marta Gómez e Alberto García como membros de Galiza Nova, e por Lucía Veciño da Fundación Galiza Sempre.

Tamén che pode interesar...