Maianas proclámase como a banda gañadora do concurso de música emerxente en galego “Novos Valores Festigal 2015”
O xurado destaca que a alta participación na difusión dos vídeos nas redes sociais contribuíu a dar a coñecer artistas noveis que tocan en galego
O concurso “Novos Valores Festigal” para a difusión da música galega e en galego feita por xente moza proclamou gañador o grupo Maianas, logo da decisión do xurado que estimou o seu valor artístico na promoción da música tradicional. Maianas son tamén promotoras dun festival do Festival da Maía, teñen dous traballos editados e son mulleres novas comprometidas co país. Así, actuarán no palco de concertos do Festigal a noite do 24 de xullo de 2015, participarán na presentación do cartel xunto coas demais bandas e recibirán unha dotación económica de 300 euros.
O xurado valorou ademais a calidade e a variedade de estilos dos grupos e artistas que se presentaron a este certame como SeisPorOito, Panghea, Coso Carnobrigo, Miguel Alonso, AutOOdio, Noé Subiela, Balbordo Público, Monoulious DOP, Marta Sancho e Jorge Abreu Seoane. Estimou tamén a participación e interese de milleiros de persoas que compartiron os vídeos a través das redes sociais, na primeira fase do concurso, e que contribuíron deste xeito á difusión de música emerxente en galego.
Este concurso conseguiu a participación dunha ampla representación de estilos que pasan polo folk, pop, música de autor, death metal melódico, rap, pop-rock, festa, comedia e música de cámara, entre outros, que dan conta da creatividade e da diversidade da oferta artística existente que nace no noso país. Este certame abriuse á participación de grupos amadores e profesionais emerxentes que empregan a lingua galega nas súas letras.