Mercedes Peón, Grande Amore e Carunchos encabezan unha nova edición do Festigal que aposta polos “Novos Valores”
O Festigal, que se celebrará os días 24 e 25 de xullo no Campus Vida de Santiago con entrada de balde, aposta pola cultura en galego, o asociacionismo e a comunidade fronte aos macrofestivais
O Festigal volve un ano máis ao Campus Vida de Santiago de Compostela para celebrar a súa cita anual os días 24 e 25 de xullo, cunha programación que combina artistas consagrados, bandas emerxentes, feira do libro, artesanía, debates e actividades para todos os públicos, e sempre co galego como eixe vertebrador.
Durante a rolda de prensa de presentación, na que se fixo público o cartaz desta edición obra do deseñador Bruno Lopes Teixeiro, a coordinadora xeral do festival e secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, destacou que o evento “non aspira a ser un macrofestival, o que pretende é ser un festival que brille coa luz propia que fai o traballo colectivo e a colaboración de todas e todos, desde os artistas, as asociacións, ata as editoriais”. Veciño subliñou ademais a ollada crítica ao reparto de fondos públicos por parte da Xunta: “Observamos cunha ollada crítica ao reparto de fondos públicos por parte da Xunta de Galiza a festivais que enchen a súa programación con artistas que cantan en castelán”.
A programación musical arrincará o día 24 ás 21:45 horas coa actuación de Fuego Lolita, banda emerxente de Compostela e gañadora do certame Novos Valores desta edición. Seguirán Nadie González, Mercedes Peón e Grande Amore, que repite como artista xa “familiar” do festival. O día 25, a xornada comezará coas Kuartetas na carballeira, para continuar con Carunchos, Orquestra BravúXangai e pechar a noite con Maruxa e CoraliaDilleis.
Moito máis que música
Máis alá da música, o Festigal contará coa Feira do Libro cunha ducia de editoriais e librarías, un Espazo de Mercado con medio cento de profesionais da artesanía, a Galería das Letras e das Ideas para debates e presentacións, e o Festigal Miúdo, un dos espazos máis demandados polo público infantil, cuxa programación completa se fará pública o vindeiro venres. Como novidade, haberá unha mesa de sinatura e un obradoiro de castells dirixido pola asociación Castells de Santiago.
Pola súa banda, a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, salientou o apoio institucional ao festival e enxalzou o seu lema: “O lema do Festigal, ‘Poder Popular’, representa a forza colectiva do pobo galego na reivindicación do Festigal como un espazo de encontro interxeracional, onde a nosa lingua, a nosa identidade e o noso orgullo como pobo”.
Agra tamén agradeceu “á Fundación Galiza Sempre e á organización xuvenil Galiza Nova, o seu tremendo esforzo militante e organizativo, para que cada ano podamos desfrutar desta romaría colectiva e reivindicativa da identidade nacional”.
Feito coas nosas mans
Pechou a rolda de prensa Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova, que definiu o Festigal como “festival de referencia no país con vigor e cunha potencia enorme para a normalización da lingua e cultura galegas”. Gabiás fixo fincapé no papel do voluntariado: “É un festival autoxestionado que montamos coas nosas mans, especialmente co traballo de centos de compañeiras de Galiza Nova e do BNG, e tamén simpatizantes que se animan a construír colectivamente este altofalante da nosa cultura”.
O secretario xeral denunciou tamén a falta de apoio institucional: “Un festival que aposta polo noso cando as institucións públicas, nomeadamente a Xunta de Galiza, destinan millóns de cartos públicos en macrofestivais mentres non apoian o talento galego nin en galego”, e concluíu: “O Festigal demostra que a música en galego si que move xente e ten poder de convocatoria”.
O festival contará ademais cun dispositivo sanitario coordinado co 061 e Protección Civil, un punto lilá e un protocolo de actuación contra agresións que foi pioneiro no país hai 12 anos. A entrada é de balde.



