Mondra, PAVA-Lucía Aldao, Donicelas e DJ Misa completan o cartel dun Festigal 2024 cargado de novidades

 

  • Súmanse ás actuacións confirmadas de Rebeliom do Inframundo, De Ninghures e Filloas xunto cunha ampla programación de actividades, palestras, artesanía e obradoiros os días 24 e 25 de xullo
  • Anuncia o cambio de localización do espazo de concertos ao campo de hockey do Campus Vida de Santiago de Compostela

O Festigal confirma as actuacións de Mondra, PAVA-Lucía Aldao, Donicelas e DJ Misa na súa edición 2024. Súmanse así aos concertos confirmados de Rebeliom do Inframundo, De Ninghures e Filloas completando unha ampla programación de actividades, palestras, artesanía e obradoiros os días 24 e 25 de xullo en Santiago de Compostela.

Así o anunciaron este venres representantes da comisión organizadora do Festigal, promovido pola organización xuvenil Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre, xunto con membros das bandas participantes. Aliás avanzaron a nova localización do espazo de concertos que, este ano, se traslada ao campo de hockey do Campus Vida, a poucos metros do espazo de pasadas edicións.

“Renovamos a nosa aposta por dar voz e visibilidade ao enorme talento musical e cultural que medra cada día en Galiza, con concertos e actividades para todos os públicos para seguir construíndo e alargando a conciencia de país”, salientaron dende a comisión organizadora durante a presentación do cartel deste 2024, obra do deseñador Bruno Lopes Teixeiro.

Filloas, De Ninghures, Mondra e Rebeliom do Inframundo serán así as encargadas de abrir esta edición cos concertos na noite do 24 de xullo. Na xornada do Día da Patria Galega chegará o momento das actuacións de PAVA-Lucía Aldao, Donicelas e DJ Misa xunto cunha ampla programación para dar a coñecer novas iniciativas artísticas e culturais da nosa terra.

Oferta gastronómica todo o Festigal

Así, o público do Festigal contará o 25 de xullo con presentacións de libros e palestas, postos de artesanía, espazo de asociacións, música tradicional e obradoiros infantís, entre outras actividades, xunto cunha zona de acampada próxima á localización do evento. Outra das novidades desta edición é a ampliación do espazo de xantar e da oferta gastronómica na Carballeira de San Lourenzo que estará disponíbel durante todo o evento, tanto a noite do 24 de xullo como o propio Día da Patria Galega.

Crítica ás axudas para festivais da Xunta

Dende a organización denunciaron ademais o “escaso apoio institucional” por parte da Xunta de Galiza a festivais organizados polo tecido asociativo, como o Festigal, fronte ao importante soporte que concede a eventos multitudinarios organizados por empresas, malia que os grupos en galego sexan unha minoría. Como exemplo subliñaron os casos do Son do Camiño e do Gozo Festival que van recibir un ano máis un investimento millonario do Goberno galego, baixo o pretexto de proxectar o turismo no país, malia carecer de ningún elemento identitario que poña en valor a cultura galega.

Reseñas das bandas participantes

Filloas

Este artista de pop urbano en galego promete traer o Festigal “unha música coa que o público non parará de bailar e moverse”. Cun estilo que mistura ritmos clásicos como o punk con outros máis modernos como o hyperpop ou o trap, as letras de Filloas abordan as súas experiencias persoais cons mensaxes positiva que buscan sacar un sorriso.

De Ninghures
Estes rapaces dos anos 90 defenden unha música feita de raíz e a creación contemporánea poñendo en valor a tradición da música tradicional galega. Con influencias que van dende as músicas do Magreb, pasando polo rock saharaui até melodías cubanas, a banda asegura ter os pés na nosa terra pero unha mirada global con sons de todo o mundo.

Mondra
Unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega. Así define este artista, cantareiro e bailador o seu primeiro traballo discográfico ‘Ardén’, unha proposta íntima e irreverente a un tempo, e un relato de resistencia e celebración que trae ao Festigal 2024. “Hónranos o resistir na terra e o orgullo de ser a valentía de estar ardentes”, afirma.

Rebeliom do Inframundo

Rebeliom do Inframundo traerá ao Festigal un dos directos máis enérxicos do panorama musical galega coas súas “letras insubmisas sobre o son das rúas”, tal como se define a propia banda, que teñen no seu cuarto álbum ‘Amor ou barbarie’ a súa máxima expresión.

PAVA-Lucía Aldao
A poeta coruñesa Lucía Aldao traerá ao escenario do Café Concerto o seu segundo traballo en solitario PAVA2, despois de máis de 20 anos de carreira no mundo da poesía escénica, do humor e da música. Emoción e sorna, revisión e identidade, amizade e crítica son os pares que tecen o fío condutor da obra que presentará no Festigal.

Donicelas
Para as Donicelas a pandeireta e os cantos tradicionais comezaron sendo un xogo desde nenas, onde inicia unha andaina de case tres décadas na que percorreron gran parte das vilas de Galiza e do norte de Portugal. Unha aposta pola música tradicional galega de autor e con arranxos propios.

DJ Misa
Orixinaria de Gondomar e apaixoada da música dende cativa. Os seus sets vense influenciados polo bo momento musical do panorama galego, e trata de levar a diversión fusionando o pop ca música tradicional galega.

Tamén che pode interesar...