O concurso “Novos valores” do Festigal chega á quinta edición para promocionar artistas emerxentes

O prazo de presentación de traballos está aberto até o 1 de maio

O concurso “Novos Valores” do Festigal chega á súa V edición coa idea inicial de impulsar artistas e bandas emerxentes e de darlle visibilidade na noite do 24 de xullo neste gran evento.

Segundo explicou Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre, o xurado estará integrado por Claudia Quintela e Alberte Fernández como membros de Galiza Nova, e persoas do ámbito do sector cultural como Navia Rivas, Iria Pinheiro, Teresa Cuíñas, Lano Costoia, Xiana Arias, Marcos Paino, Catuxa Irago e un representante da banda gañadora do ano anterior.

Pola súa parte, Alberte Fernández, de Galiza Nova, destacou que “é importante este concurso para lle dar visibilidade a novas propostas musicais en galego”. Como se demostrou en edicións anteriores, a participación neste concurso do Festigal “serve como unha plataforma de lanzamento para logo ter un recoñecemento no panorama musical galego como aconteceu cos gañadores dos últimos anos The Lelly Kellis e Son da Rúa”.

As propostas poderanse enviar desde o venres 15 até o 1 de maio, en formato de vídeo, como se poderá consultar nas bases publicadas na web do Festigal e o 8 de maio será publicada a deliberación do xurado que proporá a banda que tocará o 24 de xullo, véspera do Día da Patria, para abrir o Festigal.

Bases do concurso.

Tamén che pode interesar...