O Festigal 2015 brilla na noite previa ao Día da Patria con Ruxe Ruxe, Sokram, Caxade, Habelas Hainas e Maianas
Milleiros de persoas, procedentes de toda Galiza, participarán nos concertos do 24 e 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela
O Festigal 2015 ten todo preparado para as dúas xornadas de festa reivindicativa do 24 e do 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela, coas actuacións de Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Ibuprofeno Teatro, Superoito, Caxade, Carapaus, o Mago Antón Habelas Hainas e Maianas, ademais do cento de actividades previstas no marco do Día da Patria Galega.
A noite do 24 de xullo, o Festigal abre coas Maianas, o grupo gañador do concurso “Novos Valores” que introducirán temas de composición propia nos que mesturan a creación melódica e lírica. Acompañan as voces con instrumentos tradicionais de percusión como pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, ademais doutros instrumentos pobres como cunchas ou cuncas.
Habelas Hainas ten o seu punto de partida na música tradicional e de raíz, sentíndose parte dunha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresárense, sempre dende unha ollada feminista e plural. Isto lévaas a explorar outras músicas, crear os seus propios temas e experimentar coa tradición. Esta permanente inquedanza reflítese na indagación e aproveitamento dos diferentes recursos dos instrumentos tradicionais, creando un son enérxico, fresco e orixinal.
Caxade, acompañado da Banda de Música da Bandeira, porá o punto polp-pok de banda popular de música com arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da velha Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico. Este proxecto que se inicou na internet, con video-creacións como «Gente Pota», após do extraordinario acollemento do público e da crítica que tivo o seu disco de estrea «A Dança dos Moscas» e despois de máis de 70 concertos de presentación, Caxade é agora un referente da nova música galega.
Ruxe-Ruxe é unha banda lendaria no panorama do rock galego que soubo gañarse a pulso o respecto e o cariño do público. Pasou xa moito tempo dende aquel ano 1996 no que naceu esta formación que presentará no Festigal a súa décima achega discográfica: «Un Mundo Perfecto», con 14 novos temas nos que reflicten a súa personalidade nunha viaxe a un universo sonoro de cor e soños onde as súas reivindicativas letras nos falan da amizade, do amor, da vida ou mesmo as loitas persoais, sempre en clave optimista e desenfadada.
Sokram é unha das voces de peso en Dios Ke Te Crew e unha das personalidades máis prolíficas e irreverentes do famoso colectivo hip hop. Neste 2015 editou o seu primeiro Lp en solitario titulado “Chuvia Ácida”, con letras brillantes e a versatilidade e potencia vocal de Sokram que bailan á perfección cos ritmos e melodías secuenciadas e retorcidas pola alquimia das máquinas de Mou e cos camaleónicos sons das guitarras de Santino. Hip Hop, rap e electrónica que se contorsionan con Rock&Roll, con Funk e Blues, Hardcore e Psicodelia.
O Café Concerto do 25 de xullo, iniciarase coa maxia do Mago Antón, despois Isabel Risco e Marián Bañobre van dinamizar a festa co espectáculo “O Furancho”, para seguir co folk de Carapaus co último disco “Déixao andar”; co rock de Familia Caamagno e con Superoito.