O Festigal 2018 traerá o rapeiro Valtonyc para reivindicar a liberdade de expresión
Será un concerto para amosar a solidariedade e a loita contra o recorte de dereitos democráticos
O rapeiro Valtonyc participará na programación do Festigal 2018 para reivindicar a liberdade de expresión e contra a involución democrática provocada pola Lei Mordaza e a represión contra o activismo social, político e sindical e o independentismo catalán.
Valtonyc gravou un vídeo con referencia explícita ao Festigal e a Galiza, onde anuncia a súa presenza o 24 de xullo no Festigal, na véspera do Día da Patria, e convoca a facer deste concerto unha festa pola liberdade de expresión, ademais de agradecer o compromiso, a solidariedade e a loita contra os recortes democráticos.
Dende a sentenza do Tribunal Supremo que confirmou a condea de tres anos e medio de cárcere para Josep Miquel Areas Beltrán, co nome artístico de Valtonyc, desencadeáronse numerosas manifestacións a favor da liberdade de expresión e en defensa deste rapeiro balear, que ten 14 discos publicados con letras de ideoloxía anticapitalista, republicana e antifascista.
O avogado de Valtonyc presentou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional onde alega que esa sentenza vulnera o artigo 20 da Constitución e o artigo 19 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que recoñecen o dereito á liberdade de expresión e de opinión.
O Festigal súmase, deste xeito, á trintena de festivais, entidades e salas que expresaron o rexeitamento a esta vulneración do dereito á liberdade de expresión e que acordaron incluír nas súas programacións concertos de Valtonyc, como xeito de solidariedade, ante a involución democrática do Estado español.
2 Comentarios
[…] da condena non está asegurada a presenza do rapeiro no festival previo ao Dia da Patria. O Festigal informa na súa web que o avogado de Valtonyc presentou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional […]
[…] da condena non está asegurada a presenza do rapeiro no festival previo ao Dia da Patria. O Festigal informa na súa web que o avogado de Valtonyc presentou un recurso de amparo ante o Tribunal […]