O Festigal 2023 presenta o seu cartel con Fillas de Cassandra, Leria, Dios Ke Te Crew e Grande Amore
Actuarán na noite do 24 de xullo no Campus Vida de Santiago de Compostela como inicio deste grande evento da cultura galega
Na xornada do Día da Patria haberá concertos de Escaravellos, O Ravelo e Dj Misa, así como unha ampla programación de actividades
O Festigal vén de presentar o seu cartel para a edición deste ano 2023, que contará con actuacións na noite do 24 de xullo das bandas Fillas de Cassandra, Leria, Dios Ke Te Crew e Grande Amore. Serán as encargadas de poñer en marcha este evento multitudinario da música e da cultura galega que terá lugar no Campus Vida de Santiago de Compostela.
Na xornada do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, haberá ademais concertos de Escaravellos, O Ravelo e Dj Misa, así como unha ampla lista de actividades para dar a coñecer novas iniciativas artísticas de creadoras e creadores de Galiza. Presentacións de libros e palestas, postos de artesanía e obradoiros infantís, entre outras, completan a programación desta festa para todos os públicos que contará con zona de acampada e oferta gastronómica.
Representantes da comisión do Festigal, promovido por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, presentaron este mércores o cartel desta edición 2023, obra do tatuador e deseñador Anxo Varela do proxecto ourensán Pruden Tatoo, poñendo en valor os 21 anos de historia deste evento que busca construír e alargar a conciencia de país.
Crítica ás axudas para festivais da Xunta
Dende a organización do Festigal lamentaron o “escaso apoio institucional” por parte da Xunta de Galiza a festivais organizados polo tecido asociativo, fronte ao importante soporte que concede a eventos de empresas nos que os grupos que crean en galego son unha minoría. Así, critican que os criterios para valorar estas axudas non teñan en conta a presenza da lingua propia, cun 5% da puntuación total. Como exemplo máis evidente, subliñaron, está o caso do Son do Camiño, que supuxo un investimento de 3 millóns de euros públicos para unha empresa privada e no que o galego apenas tivo presenza na programación.
Bandas do Festigal
Fillas de Cassandra
A música deste dúo de mulleres é unha “perfecta confluencia das súas inquedanzas, soños, rabias, loitas e medos”, como se definen elas mesmas. Unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto oral con influencias da música pop, eléctrica e clásica.
Leria
A banda coruñesa de indie pop, nada en 2021, será a encargada de abrir esta edición do Festigal como gañadora do concurso Novos Valores do Festigal. Malia o pouco tempo nos escenarios, estas catro mozas xa poden presumir de ter actuado na mítica sala Mardi Gras e na XXX edición do Rock in Cambre.
Dios Ke Te Crew
Este grupo referente do hip hop galego volve 20 anos despois onde comezou a andar a súa historia: o Festigal, escenario do seu primeiro concerto no ano 2003. Dúas décadas que os situou como unhas das bandas máis influíntes da escena musical de Galiza, desde o seu primeiro LP ‘Xénese’ no ano 2006.
Grande Amore
O músico Nuno Pico mistura as influencias do rock and roll e o punk co techno e o electropop dos anos 80, ao que lle suma unha boa dose de humor e existencialismo nas súas letras.
Escaravellos
Nacen en 2017 nos seráns de Sabarís a ritmo de alalás e muiñeiras. A maior parte do repertorio de Escaravellos é de composición propia, buscando sempre inspiración na música tradicional do país.
O Rabelo
O Rabelo é o alter ego de Xanhe Redondo, un dos creadores trans galegos máis destacados do panorama musical. As súas cancións son o mellor exemplo de que a música tradicional vai en perfecta consonancia coas tendencias electrónicas.
Dj Misa
Orixinaria de Gondomar, despois de anos aprendendo e experimentando con diversos instrumentos, atopou un novo espazo de expresión no mundo DJ. O seu estilo musical transita polo pop e a música urbana, primando en xeral a música galega dos últimos anos.