O Festigal 2025 completa o seu cartel cos concertos de Hugo Guezeta e DJ Misa

· Súmanse ás actuacións de Dakidarría, Alana, Brassica Rapa, Pataghulhøs e Gallego Común xunto cunha ampla programación cultural os días 24 e 25 de xullo no Campus Vida de Compostela
· O cartaz volve ser obra do deseñador Bruno Lopes
O Festigal vén de presentar o cartel completo da súa edición 2025 coa confirmación das actuacións de Hugo Guezeta e DJ Misa. Súmanse así aos concertos confirmados de Dakidarría e Alana (24 de xullo), Brassica Rapa, Pataghulhøs e Gallego Común (25 de xullo) xunto cunha ampla programación cultural de balde e para todos os públicos no Campus Vida de Compostela.
A comisión organizadora do Festigal, promovido pola organización xuvenil Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre, presentou este venres a imaxe da edición 2025, que volve ser obra do deseñador ferrolán Bruno Lopes. No acto participaron representantes das bandas e artistas participantes deste grande evento da cultura galega, que cumpre 23 anos cunha proposta cargada de música, palestras, artesanía e gastronomía.
“Unha edición que pretende volver ser un escaparate para a nosa música e cultura, nun momento no que, máis que nunca, goza dunha diversidade e calidade enormes”, valorou Lucía Veciño (Galiza Sempre), quen deu a coñecer publicamente a programación canda Marta Gómez (Galiza Nova).
Programación 2025
Como novidade, este ano o Festigal abrirá o 24 de xullo as súas portas ás 20:30h con Dj Misa para quentar motores. Dará paso a unha noite de concertos co rock de Ulex (banda gañadora do concurso Novos Valores), da música tradicional con ritmos de electrónica e pop de Alana, seguido dunha banda icónica do panorama galego como Dakidarria e finalizando cun referente do rap no noso país como Hugo Guezeta.
No 25 de xullo continuarán as actuacións musicais con Pataghulhøs, Gallego Común e Brassica Rapa, tres bandas que son sinónimo de troula e festa en cada un dos seus estilo: folk, tradicional e brass band. Aliás, o público contará con presentacións e palestras, postos de artesanía, unha feira do libro e espazo de asociacións.
Esta edición vai contar de novo cun espazo para a cativada, o Festigal Miúdo, coa actuación de Peter Punk e Brais das Hortas, un obradoiro impartido polas educadoras do proxecto SororAs e o espectáculo teatral ‘Historias Soñadas’, de Trémola Teatro.
O Festigal reforza tamén a súa oferta gastronómica coa Feira do Produto Galego, unha iniciativa para promocionar o produto alimentar do país. Na Carballeira de San Lourenzo haberá durante todo o evento postos de comida e o tradicional espazo para xantar popular polo Día da Patria.
Compromiso coas causas xustas
Dende a comisión organizadora puxeron en valor o compromiso do Festigal en cada edición por difundir e visibilizar causas ten en favor dos dereitos das maiorías sociais, da liberdade dos pobos e da necesidade de soberanía para Galiza. Nesta edición, buscan poñer o foco en dúas loitas de plena actualidade como o rexeitamento ao proxecto de Altri no corazón da Galiza e a condena do xenocidio na Palestina.
Falla apoio da Xunta
Dende o Festigal destacaron que Galiza é “un pobo de artistas”, en palabras de Xurxo Souto, mais lamentaron a falla de apoio do Goberno galeog á cultura galega. Puxeron como exemplo o financiamento de 3 millóns de euros da Xunta ao Son do Camiño, cuxa programación conta só con tres grupos que fan música en galego dos 45 participantes. Un evento que, ademais, está en mans do fondo proisraelí KKR.
“Na lexislatura pasada, o PP repartiu case 20 millóns de diñeiro público sen concorrencia competitiva, sen criterios obxectivos de reparto e deixando fóra a moreas de asociacións, cooperativas e iniciativas culturais que sacan adiante proxectos luminosos que nacen do pobo e para o pobo”, lamentaron dende a comisión organizadora.
Punto Lilá
Esta edición como novidade o Festigal vai contar cun Punto Lilá. Ademais do protocolo para actuar en caso de violencias machistas ou LGBTfóbicas de anteriores anos, haberá un espazo físico ao que se poida acudir tanto en caso de sufrir unha agresión como de percibila para que a organización poida actuar. O obxectivo, explicou Marta Gómez, é garantir un “espazo libre de violencias, que loita porque todas poidamos ser libres e iguais”.
Traballo voluntario
A comisión organizadora do Festigal destacou ademais o traballo do voluntariado, imprescindíbel para que sexa realidade dende hai máis de dúas décadas. “Este é un festival feito coas nosas mans para celebrar o nacionalismo galego e iso vese reflectido tamén na entrega e dedicación das persoas voluntarias”.



