O Festigal anuncia os concertos de Rebeliom do Inframundo e De Ninghures a noite do 24 de xullo
- A banda de rap e o grupo de música folk son as primeiras actuacións confirmadas xunto con Filloas, gañador dos Novos Valores
- Nas vindeiras semanas faranse públicas o resto de actuacións, o cartel e as numerosas novidades desta edición do Festigal 2024
O Festigal vén de anunciar as primeiras confirmacións dos concertos do grande evento da cultura galega. A banda de rap Rebeliom do Inframundo e o grupo de folk De Ninghures actuarán a noite do 24 de xullo no Campus Vida de Santiago de Compostela xunto con Filloas, gañador do concurso Novos Valores.Dende a comisión organizadora do Festigal, promovido por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, anunciaron que nas vindeiras semanas farán públicas as numerosas novidades preparadas desta edición 2024, así como a presentación do cartel e do resto de confirmacións dos concertos e actividades.“No Festigal seguimos apostando por reunir as voces máis destacadas do panorama musical galego xunto coas iniciativas artísticas e culturais máis potentes do noso país”, puxeron en valor dende a organización, avanzando que esta edición volverá contar con presentacións de libros, mercado de artesanía e obradoiros infantís, entre outras actividades, nunha ampla programación para todos os públicos con zona de acampada e oferta gastronómica.Rebeliom do Inframundo e De Ninghures
Rebeliom do Inframundo traerá ao Festigal un dos directos máis enérxicos do panorama musical galega coas súas “letras insubmisas sobre o son das rúas”, tal como se define a propia banda, que teñen no seu cuarto álbum ‘Amor ou barbarie’ a súa máxima expresión.
O escenario principal do Festigal contará con De Ninghures e o seu folk , que conxuga os estilos máis actuais coa música tradicional galega. Música feita raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición coa que farán desfrutar o público deste grande evento da cultura galega.