O Festigal busca o grupo emerxente da música galega de 2024 coa VIII edición do concurso ‘Novos Valores’
- A banda gañadora actuará o 24 de xullo no escenario principal
- O prazo de presentación de traballos está aberto até o 26 de abril
- As bases poden consultarse nesta ligazón
Santiago de Compostela, 14 de marzo 2024.- O Festigal busca a banda emerxente da música galega deste 2024 coa VIII edición do concurso Novos Valores, unha iniciativa para potenciar o talento das e dos novos artistas que crean e compoñen musica en galego. A banda gañadora actuará no escenario principal a noite do 24 de xullo, véspera do Día da Patria Galega, dentro da ampla programación deste grande evento da cultura galega.
“Queremos seguir dando visibilidade ás moitas mozas e mozos que apostan pola creación musical na nosa lingua, que ven no galego unha oportunidade para expresar o seu talento”, destacan dende a comisión organizadora, promovida por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, animando a todas as bandas emerxentes da Galiza a que envíen os seus traballos até o 26 de abril.
“O concurso Novos Valores nace para fomentar a música e a cultura galega de base, abrindo espazos de rebeldía e de dignidade contra as políticas que discriminan a nosa lingua e que castigan a mocidade creadora do noso país”, reivindican dende a organización do Festigal, subliñando o momento “excepcional” que vive a música en galego con novas bandas e artistas de todos os estilos que contrasta coa “falta de apoio institucional” por parte da Xunta de Galiza.
Bases e prazos do concurso
O prazo para presentar traballos estará aberto desde este 14 de marzo até o 26 de abril, e a banda gañadora será anunciada o 6 de maio. As bases para participar no concurso pódense consultar nesta ligazón.
Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non pode superar os 35 anos.
O xurado estará composto nesta edición por Marta Gómez e Alexandre Bastero, de Galiza Nova; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; os músicos Alberto Busto, Anxo Xermar e Xavier Castro; a comunicadora Andrea Villa e a integrante da banda coruñesa Leria, Andrea López, gañadora da edición Novos Valores 2023.