O Festigal chega á súa XV edición coa enerxía de Kepa Junkera, Poetarras, Biribirlocke, Arrhythmia e Esposa
Un equipo coordinado de 200 persoas voluntarias fai posíbel este grande evento cultural nacionalista que se celebra cada 24 e 25 de xullo en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela encherase de música e de diversión na noite do 24 de xullo, véspera do Día da Patria, cun Festigal cheo de enerxía na súa XV edición con Kepa Junkera & Sorginak, Poetarras, Arrhythmia, Biribirlocke e Esposa.
Logo do éxito do seu álbum Galiza, Kepa Junquera, con toda unha carreira dedicada á música tradicional e ás músicas de raíz, volve ás súas orixes no País Vasco cunha obra magna: unha pequena historia da trikitixa coa que celebra ademais os seus 35 anos ao carón deste marabilloso instrumento. O que fai Kepa é un traballo a fondo, rigoroso e ameno. Nesta ocasión, traerá ao Festigal ritmos galegos mesturados coa esencia vasca, da man de pandereteiras que aseguran a diversión, a alegría e o dinamismo que transmite o folclore tradicional.
Poetarras defínese como un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Pablo Lamosa, Rubén Lino e Daniel Vilaverde, que naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e de galicolas. As súas armas son sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías. Sen dúbida, a troula está garantida.
Arrythmia son a voz e a guitarra de Alberto Busto, a batería de Álvaro L. Barreiro e o baixo de Alejandro Maciñeiras, un trío galego de rock en galego que quere amosarlle ao planeta a posibilidade de chegar ao gran público sen venderse nin transformar a base do seu son. No Festigal teñen previsto desprender toda a súa enerxía que sempre deixa o recordo de Muse e Berri Txarrak, para despedir esa noite que dá paso ao Día da Patria.
Ademais, Esposa, banda gañadora do concurso “Novos Valores” será a encargada de abrir a noite. É un grupo de pop rítmico e rápido. Quitan cousas para non ter a tentación de usalas: as súas cancións teñen poucos acordes e poucas partes, a súa formación non ten baixo, a súa batería non ten bombo.
O Festigal é un evento organizado por Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre, que se converteu nun grande espazo reivindicativo e festivo arredor do Día da Patria Galega para unir música, letras e ideas. Este grande escaparate da cultura galega serviu durante estes anos para o lanzamento de artistas agora consolidados.
Postos de artesanía, eventos deportivos, obradoiros infantís e colectivos sociais que desenvolven o seu traballo polo país terán tamén espazo de seu no Festigal. Haberá unha zona de acampada cun prezo solidario e colaborativo de 3 euros, previa inscrición na web do Festigal.