O Festigal elixe ‘Filloas’ como banda gañadora do concurso Novos Valores 2024

Foto: David OSilva_ALENDE

  • O proxecto de pop urbano composto por Iago Galego e Paula Ferraz actuará o 24 de xullo no escenario principal deste grande evento da cultura galega
  • O xurado valora o seu estilo “fresco e alegre” así como unhas letras que recollen problemáticas que atinxen á mocidade

O Festigal vén de elixir ‘Filloas’ como banda gañadora da VIII edición do concurso Novos Valores. O proxecto de pop urbano composto polos santiagueses Iago Galego e Paula Ferraz actuará o 24 de xullo de 2024 no escenario principal deste grande evento da cultura galega.

O xurado do Festigal valorou moi positivamento o estilo “fresco e alegre” da proposta de ‘Filloas e unhas letras que recollen problemáticas que atinxen á mocidade, como son a precariedade laboral ou a saúde mental. Aliás, destacou o papel do seu pop electrónico, un xénero musical de moda, como axente normalizador da lingua galegas entre as novas xeracións.

O pop urbano en galego de Filloas é un “reflexo das súas propias experiencias e os seus sentimentos máis profundos” pero que busca “sacar un sorriso e transmitir unha mensaxe positiva”, en palabras da propia banda. Así, entre  ritmos punk pop e trap, son numerosas as referencias á cultura de internet, aos videoxogos e á Galiza máis contemporánea. Con dous álbums xa publicados ‘Filloas’ (2022) e “O Segundo XD’ (2023), actualmente o grupo está preparando un novo EP.

Boa saúde da música en galego

O xurado do concurso Novos Valores do Festigal -composto por Xavier Castro, Anxo Sánchez, Alberto Busto (músicos), Marta Gómez, Alejandro Bastero (Galiza Nova), e Lucía Veciño (Fundación Galiza Sempre)-  puxo en valor a “boa saúde e talento” que vive a música en galego, como demostra a participación de 22 bandas nesta edición, a de maior número nas oito celebradas.

Tamén che pode interesar...