O Festigal Miúdo contará este 2026 con obradoiros, teatro e música para as crianzas
O público máis pequeno volverá contar cun espazo e programación propias polo 25 de xullo no Campus Vida da USC
O Festigal volverá contar nesta edición de 2026 cun espazo propio para as crianzas, cunha ampla programación que ofrecerá obradoiros, teatro e música para as e os máis pequenos no grande evento da cultura galega polo 25 de xullo no Campus Vida da USC.
Dende ás 16:00 horas, iniciará cun obradoiro de estreleiras de papel e xogos tradicionais dinamizado a través de Sororas S. Coop. Galega; continuará coa obra de teatro Os Senteito, da compañía Caramuxo Teatro; a seguir do obradoiro de pandeiros e cantigas tradicionais dinamizado polas Escolas de Ensino Galego A Semente; e rematará co concerto Cambia o conto a cargo de Música Miúda.
A coordinadora do Festigal, Lucía Veciño, puxo en valor este espazo como unha mostra do compromiso da organización por construír un festival interxeracional para celebrar o Día da Patria Galega. “Son moitas as persoas que medraron co Festigal durante estes 24 anos e queremos seguir a ofrecerlles unha programación pensada para todos os públicos e idades”, subliñou.
Veciño destacou o crecemento de público no Festigal Miúdo durante os últimos anos. Unha cuestión na que, asegurou, a comisión organizadora traballa de cara a futuras edicións para poder ampliar a programación e o espazo ante o éxito de afluencia.
Dende o Festigal quixeron tamén destacar a súa importancia coa elaboración dun novo cartaz propio, obra do deseñador Bruno Lopes Teixeiro, que recolle a esencia dun espazo pensado para que as crianzas desfruten de xeito gratuito da cultura galega e en galego no Día da Patria.
Obradoito de estreleiras de papel e xogos tradicionais
Dinamizado por Sororas S. Coop. Galega, a actividade consistirá en xogos tradicionais inclusivos e a creación de estreleiras de papel, para que as crianzas xoguen, aprendan e cooperen entre elas. Ambas actividades integrarán a perspectiva de xénero de forma transversal, promovendo a igualdade, a inclusión e a non discriminación.
Esta comedia con máscaras e sen texto estará protagonizada por Laura Sarasola e Juan Rodríguez, da compañía Caramuxo Teatro, coa que abordarán a importancia da convivencia entre diferentes e o dereito á vivenda. O señor Senteito vive nun pequeno contedor nunha pequena parcela do seu mundo vendo o día pasar. Un día chega a señora Senteito e a súa rutina mudará para sempre.
A cargo de Música Miúda, este espectáculo musical en formato dúo ofrecerá contos populares nas que se desafían as imposicións de xénero.





