O Festigal trae a Peter Punk, Cé Orquestra Pantasma, música e xogos tradicionais no espazo infantil

Máis dun cento de actividades para gozar da cultura galega no Día da Patria

O espazo infantil do FestiGal trae o clown Peter Punk, Cé Orquestra Pantasma, un obradoiro de instrumentos musicais e unha mostra de xogos tradicionais. A cita será o 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.

A festa para as crianzas comezará o Día da Patria ás 16:00 horas cun obradoiro de enredos sonoros con Pablo Carpintero en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e despois haberá unha mostra de xogos tradicionais e populares coa colaboración de Xotramu.

Ás 18:30 Peter Punk levará o espectáculo “Chungo que te cagas”. Este humorista, ademais de ser gañador do Festiclown 2008, xirou por países como Brasil, Arxentina, Italia, Palestina, Portugal…; participou nas máis importantes citas de clown de todo o Estado (Euskadi, Madrid, Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias….) ademais de centos de programacións e festivais galegos sempre á procura do riso das crianzas. Os espectáculos de Peter Punk son diferentes e anovadores… manteñen a pureza do humor como liña de traballo e amosan un inquebrantábel compromiso coas persoas en situacións de conflito.

Cé Orquestra Pantasma virá con “Fíos do querer” e “Para cantar e bailar” ás 19:30 horas. Baixo Cé Orquestra Pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Apoiándose na recuperación da figura do Home Orquestra, Cé Orquestra Pantasma convértese na fórmula para escapar do mundo por uns intres, deixándose levar, entregándose por completo á mellor das festas.

Esta edición do FestiGal contará con artistas como Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa para actuar na véspera do Día da Patria en Santiago de Compostela. Os actos previstos para o 25 de xullo comezarán no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral, Isabel Risco interpretará Nabiza Girl, actuarán Áureas co espectáculo “En Voga” e rematará coas potentes voces das Tanxugueiras.

Ademais, haberá un cento de actividades para maiores e cativas nun espazo que se converte nun escaparate das ideas e da cultura galega.

Tamén che pode interesar...