O Festigal trae máis de 100 actividades para gozar da cultura galega este Día da Patria

O Festigal 2018 ofrece máis de 100 actividades de concertos, espectáculos infantís, obradoiros, espazo de asociacións, tendas, gastronomía, galería de Ideas e Galería das Letras. Ademais no Café Concerto haberá unha representación de L’Estaca, de Lluís Llach, e actuarán Os Viqueiras de Ordes e Cabezudos (17:00 h.) Sonia Lebedynski (19:00 h.) A Banda da Balbina (21:00 h.) A cita para este evento organizado pola Comisión Festigal, Galiza Nova e Fundación Galiza Sempre será o 25 de xullo, Día da Patria, a partir das 16:30 horas no campus sur.

O espazo infantil do campus sur de Santiago de Compostela ten programadas as actuacións de Paco Nogueiras, co espectáculo Radio Bule Bule; Dani García, coa maxia de Don Gelati; e obradoiros infantís en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e Viravolta Títeres.

No espazo de asociacións destaca o acto organizado por Mar de Lumes, Galiza por Palestina e BDSGaliza ás 16:30 h. nas escaleiras da alameda para expresar a solidariedade con Palestina.

Ademais, contará cunha Galería das Letras, con presentacións literarias e venda de libros, e cunha Galería das Ideas, que serve para adquirir e intercambiar coñecementos mediante coloquios e novos proxectos para impulsar a idea de Galiza como nación.

Deste xeito, o programa da Galería das Letras para o 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela contará ás 17:00 h. coa presentación de “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”, “Invisibles. Relatos do maltrato”, “Catalunya e nós”, “Metodoloxía didáctica do repente galego”, “Os soños na gaiola”, “Mulleres de Gargamala! Cantares da tradición oral” e “Bonus Track”. No espazo de venda de publicacións deste Festigal 2018 participan a Libraría Pedreira, Libraría Chan da Pólvora, AGAL/Através, Editorial Galaxia, aCentralFolque, Urco Editora e Luces.

Na Galería das Ideas, presentarase “Vía Galega, Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza” e o proxecto xornalístico “Sermos O Diario Galego”, ademais da palestra “Dereito a Decidir dos Pobos de Europa. Democracia e xustiza social”.

———-

Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.

Tamén che pode interesar...

A %d blogueros les gusta esto: