O “Festigal” varre todos os tópicos e expresa a alegría de sermos
Un texto de Suso de Toro:
O “Festigal” desminte tópicos abondos que hai sobre nós, tópicos que mesmo acepta moita xente no noso país, un monte de tópicos que se resumen nunha imaxe de tristura. O “Festigal” mostra xustamente o contrario, unha xente alegre e libre, a alegría é o mellor desmentido das derrotas.
Nesta eira na que xente de toda idade recebe o alento da mocidade campa a liberdade e aquí, neste espazo libre, construímos achegándonos uns aos outros un país mozo. O país que transmite o alento dun pobo na historia, o país que nace dun reino europeo e dunha nación soñada pola xente máis moderna da súa época, como Faraldo, Rosalía ou Murguía. A mesma nación que da man de Plácido Castro se presenta na Sociedade de Nacións, a que gaña o seu autogoberno na República e a que, perseguida e clandestina, atravesa o século e chega aquí, a esta eira rebuldeira.
Malia que nos neguen os medios de comunicación oficiais e sicarios este país é un territorio humano fecundo, cada vila, cada bairro, cada aldea, cada cidade ten asociacións de todo tipo. Temos asociacións culturais a eito, grupos de gaitas, de folk, de rock, cantantes, cineastas, xente que escribe todo e calquera cousa, xente que pensa este mundo noso novo, xente que se divirte, que quere traballo. Un país vivo e que esixe liberdade e esperanza.
Este país do “Festigal” chámase Galiza, unha nación que non ten límites. Límite ningún que nos poñan, un país vivo que quere a súa soberanía para ser e para estar no mundo. Que queiran, que non.