O público elixirá a banda gañadora do IX concurso Novos Valores
- Tres grupos finalistas actuarán nun concerto no que se decidirá por votación popular a banda que vai abrir esta edición
- O prazo para presentar traballos está aberto até o 20 de abril
- Consulta aquí as bases completas
O concurso Novos Valores do Festigal trae unha importante novidade na súa IX edición: a banda gañadora será escollida polo público nun concerto con tres grupos finalistas. O máis votado actuará o 24 de xullo no escenario principal abrindo este grande evento da cultura galega en Santiago de Compostela.
Dende a comisión organizadora do Festigal destacaron o valor e a potencia da música en directo como unha das motivacións detrás desta novidade, reforzando así a filosofía do concurso: dar visibilidade ás bandas e artistas emerxentes da Galiza.
“Fronte a aqueles que queren acabar co galego e diante da falla de apoio institucional á nosa cultura, no Festigal queremos seguir abrindo espazos de rebeldía en favor das e dos artistas que crean na nosa lingua”, salientaron, reivindicando o momento de efervescencia que vive a música galega a pesar das políticas do PP na Xunta.
Durante a presentación das bases da nova edición tamén se fixo público o cartel desta IX edición do concurso, obra do deseñador ferrolán Bruno Lopes, que repite por segundo ano consecutivo. “O seu estilo captou a esencia dos Novos Valores”, subliñaron dende a comisión organizadora, asegurando que o cartaz é máis unha “mostra do enorme talento artístico que latexa no noso país”.
Bases e prazos
O concurso Novos Valores é unha iniciativa promovida pola Fundación Galiza Sempre e a organización xuvenil Galiza Nova, organizadoras do Festigal, para visibilizar o talento das bandas e artistas que crean música en galego.
O prazo para presentar os traballos está aberto dende o 21 de marzo até o 20 de abril. As tres bandas finalistas serán elixidas por un xurado e anunciadas o 26 de abril. O concerto das tres finalistas terá lugar o 10 de maio na Sala Sónar de Santiago de Compostela, e mediante votación do público se decidirá o grupo gañador do Concurso Novos Valores 2025.
O xurado que decidirá as tres bandas finalistas estará composto por Alexandre Bastero e Marta Gómez de Galiza Nova; Lucía Veciño da Fundación Galiza Sempre; as comunicadoras Andrea Villa e Sara Seco; e os artistas Alberto Busto, Anxo Sánchez e Hadrián García.
Acéptanse todos os estilos e correntes musicais en temas orixinais que empreguen a lingua galega nas súas letras. A media de idade das persoas que conformen o grupo non pode superar os 35 anos. As bases completas poden consultarse nesta ligazón.